O Calvo Xiria supera ao DKV Gijón nun encontro vibrante

Segue o Calvo Xiria superando as adversidades que se lle acumulan esta tempada en forma de lesións e aferrándose a loitar como jabatos por esa segunda praza que dá o biellete á fase de ascenso á categoría de prata.

O do Sábado pasado era un enfrontamento vital contra un superequipo. Os de Xixón, que quizá pecaron da visoñez e mocidade do seu plantel na actual tempada, ten un grupode xogadores para pelexar por todo, con rapaces antropométricamente sobresaintes, lanzadores, fintadores, bos finalizadores desde os extremos e pivotes aguerridos que traballan ben as situacións 2×2. É un conxunto con conceptos e calidades para pelexar con todos e como mostra, os resultados cultivados contra o Calvo Xiria, Unión Financera ou o mesmo Lavadores, líder da categoría que só se puido impoñer en Vigo por un gol de diferenza.

Os de Xiria saíron mentalizados para levar os dous puntos, tan necesitados a estas alturas e apostáronse nunha defensa infranqueable nos primeiros compases, acompañados por un gran Iago na portería. Non era a primeira vez que viamos esta versión inexpugnable da retagarda dos carballeses, pero tampouco os erros nos lanzamentos despois dos moitos balóns recuperados, que non permitían abrir brecha no marcador despois do 3-0 inicial. O porteiro visitante comezaba a erixirse en gran protagonista do seu equipo.

Os de Carballo estaban a protagonizar un esforzo titánico, sempre xenerosos no esforzo e así, aos xa consabidos problemas de xeonllo e ombreiro de Amarelle que só lle permite participar en actividades defensivas, contabamos coa importante volta á cancha de Carlos García despois dun mes apartado dela, precisamente por unha lesión de ombreiro. Juan Carlos, tamén cun problema máis grave nesa articulación e aínda non recuperado, participaba e axudaba no que podía, moi implicado pola causa. Por último, Brais Puñal, sempre presto a colaborar co grupo, tan só puido completar dúas sesións de adestramento por problemas no seu xeonllo e terminou por ser reservado para próximos e importantes envites que lle permitan estar ao 100%. En definitiva, un compromiso de todos encomiable que marcou un partido vibrante e igualado ata o final, cun balonmán de moito dinamismo e vistoso para o público que se deu cita no Vila De Noia.

O Calvo Xiria nunca se despegou do seu rival con diferenzas amplas, pero non é menos certo que se impuxo en todos os parciais do encontro menos nun. O marcador ao descanso reflectía un 12-11 favorable aos locais.

A continuación foi moito máis aberta, as defensas xa non funcionaban da mesma maneira e os goles sucedíanse nunha e outra portería. O porteiro asturiano seguía coa súa particular actuación, incrementando a cada paso as estatísticas de paradas desde todos os postos, freando de novo os intentos de ampliar as diferenzas por parte dos verdinegros. Co electrónico marcando unha igualada a 28, o Calvo Xiria xogaría un ataque para gañar o envite, sendo Chimpo, máximo goleador do partido, o que levaría este último balón ás redes da portería visitante.

Nova final a que ten o Calvo Xiria en Chapela o vindeiro sábado ás 20:30 h. Unha das pistas máis difíciles do campionato onde os Bergantiñáns deberán de conseguir os dous puntos se queren seguir nesa segunda praza da clasificación.

Calvo Xiria: 29 (12+17). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Cuco (1), Julián López, Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (4), Chimpo (12), Carlos García (4), Juanka (3), Enrique Pena, Manuel Méndez (2), Jorge Bouzas (1), Alejandro Calvete, Iván Amarelle.

DKV Gijón: 28 (11+17). José Luis Cardín (p), Luis Madrazo (3), Alejandro Fdez, Ramón Martínez-Gandía, Devyn Angus, David Ortega (7), Diego Cruz (11), Hugo De La Puente (4), Armando Corripio, Alfredo Langa (1), Rogelio Brage, Oscar Álvarez (2), Jorge Alonso.

Parciais 5´: 3-0 / 4-2 / 5-4 / 8-7 / 9-10 / 12-11/ Descanso / 15-14 / 18-17 / 20-19 / 24-21 / 26-25 / 29-28/.

Colexiados: Jorge Múras e Saul Menéndez. Sen complicacións.

Incidencias: Encontro da xornada 26 na liga de 1ª nacional de balonmán celebrado nun pavillón Vila De Noia con grande afluencia de público.