O Calvo Xiria termina a liga regular cunha ampla vitoria

O Calvo Xiria mostrouse moi superior ao seu rival o pasado sábado no Vila De Noia. Tanto o Luceros como os bergantiñáns, non se xogaban nada nesta confrontación en canto á repercusión que puidese ter na táboa clasificatoria, pero para os verdinegros era unha excelente pedra de toque para seguir preparando a fase de ascenso que afrontarán en quince días.

O primeiros cinco minutos foron erráticos para os carballeses, quizá sorprendidos polo ataque 7×6 que desde os inicios plantexaba o seu rival. Unha vez que a retagarda local axustábase a esta situación, a recuperación do balón e os goles sucedíanse, ben de portería a portería (ata tres materializados polo porteiro Antonio Mato), ou ben en rápidas transicións finalizadas en primeira ou segunda onda.

O marcador pasaba en cinco minutos dun desfavorable 1-2 a un 5-2 a favor e a partir de aquí, o encontro xa non tería máis historia, cun Calvo Xiria como claro dominador que se retiraba no tempo de descanso cunha ampla vantaxe (18- 7) que deixaba o partido moi encarrilado.

Foi un encontro frío, onde se notaba que ambos os conxuntos non se xogaban nada e o segundo tempo aínda se tornou máis insulso, trinta minutos plácidos para os locais onde o marcador ampliouse ata ese 33-19 final que pon o broche a unha excelente tempada do Calvo Xiria.

Agora, os de Carballo afrontarán ese gran reto como é a fase de ascenso que terá lugar dentro de dous fins de semana, coa ilusión de poder dar a badalada e conseguir o ascenso a DHP.

Calvo Xiria: 33 (18+15). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p) (3), Andrés Vila (2), Carlos Vilanova, Gabriel Castiñeiras (3), Julián López (3), Fran Rey, Pablo Iglesias (5), Juan Carlos Rodríguez (3), Manuel Méndez (4), Sergio Facal (2), Jorge Bouzas (4), Alejandro Calvete (1), Chimpo, Miguel Suárez – Pumariega (3).

Luceros: 18 (7+12). Eloy Villanueva (1), Daniel Sierra (2), Erik Dasilva (2), Yeray Simes, David Veloso (3), Adrián Pérez, Eloy Molanes (1), Miguel Pousa (3), Pablo Castro (2), Carlos Veloso (4), David Fonseca, Javier Figueroa (1).

Parciais cada 5´: 1-2/5-2/7-2/11-3/12-6/18-7 /Descanso/23-8/24-11/26-12/28-16/32-17/33-19/ Final.  

Colexiados: Jorge Muras e Saul Menéndez. Sen problemas.

Incidencias: Última xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Vila De Noia ante trescentos siareiros.