O Calvo Xiria vence con claridade en Santa Comba

Segundo triunfo do senior feminino trala bo partido do pasado domingo diante do Mantido Sl. Construcciones Balonmán Xallas.

Cunha boa entrada no Pavillón da Fontenla, as carballesas saíron ó campo moi conciencidas e nos dez primeiros minutos xa acadaran unha renda de seis goles (1-7). O resto da primeira metade sería moito máis igualado. As paradas da local Bineta e as combinacións coa pivote en ataque semellaban acercar ó conxunto de Santa Comba. Mais un bo remate da primeira metade con gol final de Marta na última acción deixaba o marcador en 13-18.

Á volta dos vestiarios a balanza decantouse polas carballesas que pronto acadaron a renda de dez goles grazas a boa actuación da primeira liña e das rápidas transicións de Lara e Duna. Os intentos das locais non foron dabondo para superar a un Xiria moi serio, onde tódalas xogadoras poideron rotar sen baixar a intensidade.

Resultado final 23-38 que acerca ó Calvo Xiria os postos de arriba e que volverá á competición dentro de quince días en Carballo ante o Coretti Lalín.