O Calvo Xiria vende cara a derrota

O Calvo Xiria vende cara a derrota

O Calvo Xiria feminino afrontaba este domingo un esixente compromiso en Vigo, fronte ao líder da categoría, o Placiber Seis do Nadal.

O encontro presentábase como unha cita clave para o conxunto local, inmerso na loita polo liderado, mentres que para o equipo carballés supoñía unha oportunidade de reforzar sensacións e continuar coa súa preparación de cara á Final Four.

PLACIBER SEIS DO NADAL 25- CALVO XIRIA 21



O partido comezou cunha grande igualdade, marcada por defensas moi intensas e activas por parte de ambos conxuntos, que dificultaban notablemente as accións ofensivas. O equipo carballés atopou boa parte dos seus goles durante a primeira metade a través de rápidas transicións e contraataques en primeira oleada. Porén, varias perdas de balón penalizaron ao cadro visitante, permitindo ao rival anotar con facilidade en situacións claras.
A primeira metade mantivo unha tónica de equilibrio constante, aínda que nos últimos compases o conxunto local conseguiu abrir unha pequena fenda no marcador, marchando ao descanso cunha vantaxe de dous goles.


Tralo paso polos vestiarios, o equipo carballés saíu descentrado, circunstancia que aproveitou o cadro local para, tras varias recuperacións e contraataques consecutivos, ampliar a diferenza no marcador nos primeiros minutos da segunda metade.
Logo deste mal comezo, o conxunto carballés soubo repoñerse e mantívose competitivo durante toda a segunda metade, loitando por reducir distancias. Aínda que conseguiu achegarse no marcador, o tempo resultou insuficiente para completar a remontada.
Con todo, máis alá dalgunhas imprecisións ofensivas e erros puntuais, o equipo deixou unha boa imaxe sobre a pista, consolidando sensacións positivas de cara aos vindeiros compromisos.