O Calvo Xiria viaxa a Vigo para medirse co Granitos Ibéricos Carballal

1ª Estatal masculina

Segundo partido do ano para o Calvo Xiria, esta vez a domicilio, no pavillón de Candeán, en Vigo, o sábado ás 19:30, contra o Granitos Ibéricos Carballal.

O conxunto local, é un dos máis novos da categoría; liderados desde o banco por Fran González, mítico primeira liña, con dúas décadas de experiencias na elite do balonmán.

O conxunto vigués, ten varias alternativas defensivas e xoga con moita amplitude no ataque posicional. O Calvo Xiria, terá enfronte un rival incómodo, e que lle esixirá máxima concentración. Unha das facetas que deberá mellorar respecto á semana anterior, é a eficacia nos lanzamentos de 6 metros; así como seguir a liña defensiva marcada nos últimos partidos.

O nivel defensivo do equipo está a permitirlles xogar con máis tranquilidade á hora de afrontar o ataque; onde o Calvo Xiria dou un paso adiante esta tempada.

Por tanto, penúltimo partido da primeira volta, onde o Calvo Xiria, desexa seguir con paso firme e terá que loitar durante 60 minutos para facerse cos dous puntos.