O Calvo Xiria viaxa ás illas Canarias para xogar o partido aprazado

O Calvo Xiria viaxa ás illas Canarias para xogar o partido aprazado

SÉNIOR MASCULINO 1a NACIONAL

O Calvo Xiria ten unha cita entre semana semana nas Illas Canarias, debido a cancelación do partido na xornada 7 do 28 de outubro pasado, por suspenderse o voo a causa do temporal. A expedición dos de Carballo sairá as 4.30 horas da madrugada do mércores, para coller un voo ás 6.55 no Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela con destino a Tenerife. A cita será no pavillón do IES Antonio González de Tejina, en San Cristobal de La Laguna, na illa de Tenerife, contra o Club Balonmano Tejina, ás 20.30 hora peninsular, ese mesmo día. O regreso está previsto o xoves 23 para chegar previsiblemente ás a Santiago ás 12.55. Unha viaxe de 33 horas que obriga aos nosos xogadores a solicitar permisos laborais e ausentarse de clase nos seus estudios. Agardemos que este esforzo se compense cos importantes puntos en xogo e co apoio é o recoñecemento dos xiareiros e do pobo, cuio nome se está a levar tan lonxe por este grupo de rapaces.

O Tejina leva varios anos en 1ª nacional e dende a temporada 2019/20 está integrado no denominado grupo galego, xunto co resto de equipos das Illas Canarias. O plantel dos laguneros é moi xove, e está composto por 20 xogadores, con 6 invitados (do xuvenil e do filial), con so 6 maiores de 23 anos cunha media de idade 22 anos. Mantén so 7 xogadores do ano pasado, coas baixas dos seus máximos goleadores da temporada pasada Javier Aragón (171 goles marcados), Tomás Bañeras (126 goles) e Joel Armas (102 goles). Conta nas súas filas con Camilo Ceballos, internacional chileno sub 21 e dous xogadores galegos, Lois Pérez Ogando e Pedro Cerqueira Docio.

A traxectoria de ambos equipos nesta temporada é dispar, Xiria chega con 4 vitorias, 3 empates e 2 derrotas, mentres que Bm Tejina conta con 2 vitorias e 6 derrotas. Xiria ten unha media de 33 goles a favor (maximo goleador da categoría) e 32 goles en contra de media. Tejina ten tamén aprazado o seu partido da xornada 8 contra Culleredo. Os tinerfeños teñen unha media de 25 goles a favor (a media máis baixa da categoría) e 31 goles en contra de media. No equipo Canario tres xogadores contabilizan o 52 % dos seus goles, Brahim M. Abdel-Lah (42), o xove Alberto Sainz (40) e José A. Rubio (32).

Momento propicio para traer unha vitoria e continuar medrando e manterse na metade alta da clasificación. Para elo debe mellorarse o traballo defensivo para manter un marcador baixo e conservar eficacia en ataque, con moitos xogadores que aporten, 10 goleadores diferentes nas últimas xornadas.