A xornada 6 da Liga Prata infantil masculina deixou dous encontros moi distintos para os equipos do Garaysa Xiria, con resultados opostos pero boas sensacións competitivas.
O Garaysa Xiria B visitou ao Abegondo na tarde do sábado, líder do grupo, nun partido no que o conxunto local amosou a súa superioridade durante boa parte do encontro. O Abegondo impuxo o seu físico, intensidade e velocidade de xogo, factores que lle permitiron marcar diferenzas dende os primeiros minutos. A pesar de todo, o Garaysa realizou un bo partido, mantendo o esforzo e a actitude ata o final, aínda que non foi suficiente para superar a un rival tan esixente nesta altura de competición (32-20).

Pola súa parte, o Garaysa Xiria A enfrontouse ao OAR Coruña na mañá do domingo nun duelo no que os carballeses foron claramente superiores en xogo, intensidade e disciplina táctica. Unha defensa moi alta e agresiva permitiu provocar numerosas perdas de balón no rival e xerar un contrataque constante e eficaz. Os de Carballo dominaron o partido de principio a fin, deixando unha excelente imaxe colectiva e demostrando o bo momento de forma que atravesa o equipo (39-9).

Dúas citas que confirman o traballo, esforzo e evolución dos equipos do Garaysa Xiria nesta sexta xornada da liga. A vindeira semana teremos a xornada 7 (última desta 1ª fase), onde o Garaysa A intentará ser primeiro de grupo en Lugo e o Garaysa B subir algún posto na clasificación fronte ao Culleredo.


