O Garaysa Xiria A na final da Final a 4

O Garaysa Xiria A na final da Final a 4

O GARAYSA XIRIA «A» ASEGURA A SÚA PRESENZA NA FINAL TRAS UN PARTIDAZO NA FINAL 4 INFANTIL OURO

O Garaysa Xiria “A” segue avanzando na máxima categoría galega infantil. Esta mañá impúxose con autoridade ao BM Culleredo Óptica Gallaecia (41-30) na primeira semifinal da Final 4 celebrada no Lalín Arena, conseguindo así o billete para a gran final de mañá domingo ás 16:30 horas ante o BM Línea 21.

Os rapaces adestrados por Jorge Bouzas saíron sen complexos ao 40×20, decididos a levar a iniciativa dende o primeiro minuto. Gael Romero abriu o marcador e asinou un bo inicio con cinco goles nos primeiros quince minutos. O ritmo de xogo do Xiria foi moi alto e, aínda que Culleredo aguantou o tipo na primeira metade, os nosos foron abrindo fenda pouco a pouco, chegando ao descanso con vantaxe.

Na reanudación, o equipo seguiu impoñendo o seu xogo coral e a súa intensidade defensiva. O acerto ofensivo estivo moi repartido: Sergio Pérez, Gael Romero, Lucas Meis, Marco Núñez ou Brais Sánchez foron algúns dos xogadores destacados nunha segunda metade na que o Xiria chegou a manexar rentas de ata 11 goles.

A pesar dos intentos do BM Culleredo por reducir diferenzas, o Garaysa Xiria mantivo a compostura e certificou a súa presenza na final cunha vitoria incontestable. Cabe destacar tamén a boa actuación dos dous gardamentas verdinegros, Román Pérez e Andrés Gómez.

💥 Mañá domingo ás 16:30 horas, o Garaysa Xiria “A” xogará a gran final da Liga Ouro ante o BM Línea 21, que derrotou ao S.D. Teucro Uniwalsh na outra semifinal por 26 a 34. Na liga regular, os nosos impuxéronse a este mesmo rival, pero saben que será un duelo moi esixente.

Con ilusión, humildade e moito traballo, este grupo de rapaces está demostrando que todo é posible. Agora, toca gozar da final!