O Garaysa Xiria A conseguiu unha importante vitoria esta fin de semana ante o Seis do Nadal por 35-26, nun encontro no que os carballeses ofreceron unha gran versión, especialmente no apartado ofensivo.
Dende os primeiros minutos, o Xiria mostrouse moi acertado en ataque, cun xogo fluído e boas combinacións que lle permitiron atopar con facilidade a portería rival. Ademais, o equipo introduciu unha defensa máis presionante do habitual, o que resultou clave para frear os ataques dun conxunto vigués moi físico. Co paso dos minutos, os de Carballo foron abrindo fenda no marcador grazas ao seu ritmo de xogo e á intensidade defensiva, controlando o encontro ata o asubío final.

Con esta vitoria, o Garaysa Xiria A ascende á segunda praza da clasificación, situándose a dous puntos do líder cando restan tres partidos por disputarse, mantendo así intactas as súas opcións na loita polo primeiro posto.


