O Garaysa Xiria B caeu este sábado en Carballo fronte ao Lucense por 28-34, nun encontro no que os carballeses foron claramente de menos a máis e deixaron momentos de bo balonmán, especialmente no final da primeira parte.
O partido non comezou ben para o Xiria, que entrou algo frío á pista e viu como o Lucense aproveitaba os erros locais para abrir unha pequena vantaxe no marcador. Os visitantes estiveron máis acertados nos primeiros minutos, tanto en ataque como nas transicións, o que obrigou aos de Carballo a remar dende cedo. Porén, co paso dos minutos, o Garaysa foi mellorando o seu nivel, sobre todo a partir de aumentar a intensidade defensiva. O equipo comezou a recuperar balóns, a correr máis e a atopar mellores opcións en ataque, logrando equilibrar o encontro e competir moito mellor ante un rival que ata ese momento se mostrara superior.
Na segunda metade, a diferenza moveuse sempre arredor dos catro ou cinco goles. O Xiria intentouno en varias ocasións, achegándose no marcador e mantendo vivo o partido, pero o Lucense soubo responder nos momentos importantes para evitar que os locais se meteran de cheo na loita pola remontada.
A pesar da derrota, o Garaysa Xiria B deixou boas sensacións durante moitos minutos, mostrando carácter, mellora defensiva e momentos de moi bo balonmán ante un rival esixente.



