O Garaysa Xiria comeza a pretempada con boas sensacións

O equipo dirixido por Jorge Bouzas iniciou a súa pretempada ante un gran rival como é un BM Culleredo máis rodado ca os carballeses e que acabaría levándose a vitoria nun bo partido de ambos conxuntos.

BM Culleredo 29 – 25 Garaysa Xiria

Primeiro partido amigable para un Garaysa Xiria en inicio de rodaxe para afrontar unha nova e ilusionante tempada, no que os verde e negros viaxaron ata terras cullerdenses para afrontar un esixente test ante o conxunto local.

Despois de tres meses de inactividade competitiva, os rapaces de Jorge Bouzas saltaron á pista e fixérono cun pouco de nerviosismo, algo que se notou tanto en ataque coma en defensa e de aí que se chegase ao tempo de lecer cun 17-13 a prol dos locais.

Pero o paso por vestiarios fíxolle moi ben a un Garaysa Xiria que non só mellorou a súa imaxe, senón que logrou igualar o partido e poñer o empate a 20 no marcador, en parte grazas a unha maior intensidade defensiva e a un amplo acerto en ataque.

Aínda que no tramo final, o esforzo realizado polos carballeses fixo mella e o BM Culleredo aproveitaría a tesitura para lograr a vitoria final por 29-25.