O Goldie Xiria fai augas na parcela defensiva e perde.

O Goldie Xiria desprazouse ata Vigo para enfrontarse ao AD Carballal. Un Goldie Xiria, minguado polas baixas de Támara, Natalia, Raquel e Soraya, sufriu na parcela defensiva como así o demostra o marcador. Non se lle pode reprochar nada ás xogadoras, que o tentaron ata o asubío final.

O Goldie Xiria é o equipo que menos goles encaixa grazas ao bloque defensivo que conforman todas as xogadoras e á colaboración coa portería; pero tivo que improvisar unha defensa para este encontro que sufriu en demasía co xogo da pivote. Faltoulles agresividade á hora da basculación e regalaron goles con facilidade nas zonas exteriores, sen un traballo previo na defensa que lles permitise roubar balóns.

Cando encaixas tantos goles, o ataque convértese en parte fundamental para facerse coa vitoria e calquera erro págase moi caro. E iso foi o que sucedeu, as viguesas estiveron máis acertadas de fronte ao gol e levaron os dous puntos.

As do Goldie deberán conseguir armarse de novo na defensa coas xogadoras dispoñibles. Para iso, é fundamental que todo o equipo sexa consciente da importancia do xogo defensivo e evitar a gran cantidade de exclusións que recibiu este sábado contra Carballal.

A semana que vén o Goldie Xiria enfróntase ao Bm Porriño actual líder da categoría. O partido será o venres ás 21:30 no Ceip Fogar. Na ida as do Goldie Xiria conseguiron facerse coa vitoria, logo de facer un gran partido. As de Porriño contan con algunha cara nova con respecto ao partido da primeira volta.

A.D. Carballal 30 – Goldie Xiria 27

A.D. Carballal: Laura González, Alba Rodríguez (1), Lara Docampo, Antía Seijo (2), Andrea Pérez (1), Carla Soto (4), Daniela Carranza (5), Antía López, Laura Costas, Julieta Álvarez (2), Paula Alonso (9), Sabela Abalde, Sara Villarroel (1), Carla Carme (5), Yaiza Terleiro.

Goldie Xiria: Nadia Vázquez (p), Sara Pose (p), Juana Garrochena (6), Aida Vizcaíno (3), Mina Ribullén (3), Alba Rodríguez (5), Jessica Posse (3), Eva Calvelo, Saray Couto, Elena Segade (3), Sheila Ferreiro (4), Soraya Martínez.

Marcador cada 5 minutos: 5-3, 7-7, 11-8, 14-12, 14-13, 19-16, descanso, 20-19, 23-21, 26-23, 27-25, 29-26, 30-27.

Árbitros: Erik Fernández e Óscar Fernández do colexio galego.

Incidencias: Partido correspondente á decimonovena xornada da Primeira División Autonómica Feminina disputado no Pavillón O Loureiro ante uns 100 espectadores.