O Grupo Lemaco Xiria B mostra dúas caras, perde en Narón e gaña en Oleiros nun gran partido

BM. Narón-Ferrolterra 31 – Grupo Lemaco Xiria 29 –(17-15)

Contaba os seus partidos como vitoria, pero en Narón xuntáronse varias circunstancias para que o partido se saldara coa primeira derrota da tempada. Os moitos erros de lanzamento e sobre todo a pouca intensidade defensiva lastraron ao equipo durante todo o tempo e fixeron inalcanzable o triunfo.
O balonmán Narón presentou unha defensa 6:0, axudado pola maior envergadura dos seus xogadores, que dificultou moito que o Xiria se plantase con boas opcións de ataque, o porteiro rival encargouse de atallar moitos dos lanzamentos o que o Xiria foi acusando no marcador, pois a defensa carballesa tampouco era capaz de frear o xogo local.
Conseguía darlle a volta ao marcador o Grupo Lemaco na segunda metade con moita máis velocidade no ataque, pero pouco durou, e o Narón volveu a mandar no encontro ao volver a pechar ben a súa defensa e ser capaz de aproveitar as ocasións no seu ataque, diferenza de dous goles no remate do encontro.

BM. Narón-Ferrolterra 31 (17): Oscar Rodríguez 6, Pablo Lage 7, Mario Casal 8, Antón Rodríguez, Manel Franco, Lucas Freire 4, Jorge Catalán 1, Daniel Lamas e Martín Ferreño 5

Grupo Lemaco Xiria B 29 (15): David Pensado, Bruno Facal, Manuel Rey 8, Manuel Pérez 1, Marcos Amarelle 3, Pablo Veiga 10, Hugo García, Pablo Suárez 2, Miguel Cambón, Angel Villar 1 e Dani Bello 4

Arbitraron: Héctor Piñeiro e Marcos Pombal
_________________________________________________________________________

Balonmán Atlántico 26 Grupo Lemaco Xiria B 33 (13-19)

O domingo tocaba sobrepoñerse a derrota do día anterior, e vaia si o fixeron os xogadores, xogando o mellor partido no que vai de tempada, dando mostras de saber superar as distintas variantes que ofreceu o rival e dominando o encontro durante os 60 minutos.
Esperábase a dous equipos que apostan por defensas abertas, accións rápidas e moitas saídas a contra, o Grupo Lemaco soubo ler o partido dende as primeiras accións, amosando moito xogo combinado coa súa segunda liña, pivotes e extremos aparecían para dar continuidade no ataque e para atopar os ocos por onde poder marcar.
Na defensa, tamén os carballeses amosaron outra cara, maior anticipación, intensidade de pernas e sobre todo de brazos, que fixeron que o Atlántico vise truncados moitos dos ataques.
Foi tirando no marcador o Xiria e foi creando un colchón de seguridade no encontro, que lle permitía xogar coa confianza necesaria para poñer calma e orden no ataque e ir minorando a fe e as posibilidade de vitoria do rival.
A falta dos dous enfrontamentos co Línea 21, derradeiro clasificado, o Grupo Lemaco B, practicamente se proclamou con esta vitoria campión do seu grupo

Balonmán Atlántico 26 (13): Enmanuel García, Pablo Vara 3, Daniel González 2, Marcos Vidal 3, Pedro Gil 4, Lucas Vilariño 4, Alexander Mendoza, Pablo Castiñeira, José Morales, Angel Ramos 2, David Martínez 6, Diego Lema 2

Grupo Lemaco Xiria B 33 (19): David Pensado, Manuel Rey 4, Manuel Pérez 3, Marcos Amarelle 1, Pablo Veiga 18, Hugo García 4, Pablo Suárez 1, Bruno Facal, Dani Bello 1, Miguel Cambón 1 e Angel Villar.

Arbitraron: Iván Hernández e Rubén Iglesias