Na segunda xornada da clasificación para o Play-Off, un Xiria todavía afectado polas baixas chegaba a Porriño para buscar os primeiros puntos da tempada.
O encontro no comezou nada ben para o Hierros Varela, con moitas dúbidas en ataque e sen conseguir continuidades para a segunda liña. Os ataques sen orde crearon moitas oportunidades de contraataques sinxelos para os locais onde o repliegue era imposible, xa que os erros de pase deixaban a bola xusto nas mans dun Porriño que só tiña que camiñar en liña recta para atopar o marco carballés. Unha defensa intensa pero irregular e unha finalización ben por debaixo do 50% deixaba o Xiria co 18-8 no descanso.
Tras o intermedio, cos folgos renovados, ideas máis claras en ataque e unha defensa moito máis activa o Xiria mantivo a cara ó partido. A orde no ataque e xogo colectivo cortou os contraataques do equipo rival. As intencións claras no ataque, aínda que faltas de traballo, ocasionalmente atoparon ocos na defensa 6:0 proposta por Porriño malia que a finalización seguía sen mellorar. Na faceta defensiva o conxunto verde aumentou a súa intensidade e anticipación, xerando dúbidas e recuperando numerosos balóns.
Pese a mellora na actuación da segunda metade, a fatiga, os trocos dos locais e as exclusións devolveron a racha negativa a un Xiria que remataba o encontro lonxe dos puntos: 37-21.
Agora toca traballar intenso e eliminar as malas sensacións para encarar o partido definitivo da Fase de Clasificación ante o Meaño no Vila de Noia o sábado ás 17:00. Ambos conxuntos buscan a vitoria para obter o pase do Play-Off e deben afrontar o encontro coma unha final.