O Hierros Varela Urbieta reacciona tarde

O equipo cadete feminino Hierros Varela Urbieta, recibía á SAR de redondela o pasado sábado no CEIP Fogar.

O conxunto de Carballo afrontaba o encontro mermado polas baixas dos seus dous baluartes na defensa central, Anna María por un proceso gripal e Alba García por unha escordadura de xeonllo que se produciría no adestramento do día anterior. Ante estas significativas ausencias, Lara Otero, que levaba sen adestrar co equipo desde Setembro por unha situación persoal, entraría na lista de convocadas para botar unha man ás súas compañeiras, así como Nerea Pose, que chega á disciplina do Hierros Varela Urbieta procedente do BM. Arteixo.

O equipo bergantiñán non entrou ben ao partido e deu numerosas facilidades ao seu rival, acumulando erro tras erro e sumando perdas de balón que aproveitaban as choqueiras para distanciarse no marcador de forma plácida. A SAR non necesitaba dunha gran versión para dominar o envite con suma facilidade ao termo do primeiros trinta minutos (9-15).

Na continuación e cunha defensa 5:1 que adquiría maior profundidade, as cadetes de Xiria melloraron as súas prestacións e conseguían provocar erros no ataque posicional do seu rival, recuperando balóns que lles daban opcións de achegarse no electrónico. A empresa non era sinxela, xa que a SAR aínda gozaba dunha diferenza moi cómoda e o equipo non perdía a compostura nin acusaba a melloría das carballesas. De feito e tras uns primeiros minutos exultantes do Hierros Varela Urbieta, as visitantes volveron equilibrar o ritmo da contenda e a aletargar o vórtice inicial do seu rival.

Nos últimos minutos, as cadetes de Carballo volverían á carga e nun exercicio pasional e de decoro conseguirían un resultado parcial de 16-13 nunha reacción que quedou a medias e que finalizou no minuto sesenta coa vitoria da SAR por un resultado global de 25-29.

Hierros Varela Urbieta Xiria. 25 (9+16). Lucía Lema (p), Elena Collazo (p), Natalia Cancela, Lucía España (3), Valeria Figueroa (1), Nerea Pose, Marta Gómez (5), Lara Otero (6), María Patiño (5), Nina Pereira (2), Coral Ruibal (1), Nerea Varela (2), Uxía Suárez, Stefanía Landri.

SAR Ledisson A. 29 (16+13). Eva Rodríguez (3), Alexandra Simón, Naira Simón (1), Nerea Novelle (2), Angela Vilaboa (7), Lucía Otero, Nararet Conchado (2), Carla Ferro (3), Antía Novelle (3), Marla González, Alexandra Covelo (1), Concepción Dos Santos, Candela Couñago (5), Paula Fontán (2).

Incidencias: Quinta xornada da División De Honra en categoría feminina cadete. Partido celebrado na mañán do Sábado pasado no pavillón do CEIP Fogar de Carballo ante cincoenta siareiros.