O Laber Xiria desenchúfase no derbi de Copa

O Laber Xiria desenchúfase no derbi de Copa

Un Laber Xiria descoñecido, inmerso aínda na resaca da fase final de fai un par de semanas, saía derrotado na tarde noite de onte fronte ao BM. Artabro no pavillón de Novo Mesoiro. Os locais, que puxeron moito máis entusiasmo á hora de competir, atopáronse cuns xogadores carballeses apáticos e desganados ao longo dos sesenta minutos.

O conxunto coruñés foi amo e señor do encontro e mostrouse superior ao seu rival en intención e intensidade. Si a isto engadimos que o xogo colectivo dos herculinos obtivo un aprobado alto, tanto en defensa como en ataque, chegaremos á conclusión do porque da derrota do Laber Xiria no seu primeiro compromiso de Copa.

O 11-13 do descanso tan só foi un espellismo, un engano baseado en determinadas accións individuais que remataron en éxito cando xa agonizaban o primeiros trinta minutos. Na continuación e cun 3-0 de parcial, o BM.Artabro collería as rendas do encontro e xa non as soltaría, superando aos bergantiñáns no xogo co pivote e cortocircuitando un ataque, o dos verdinegros, que unha e outra vez estrelábase contra o centro da retagarda. Os coruñeses seguirían aumentando a diferenza até o cinco goles de vantaxe e ante a pasividade do seu rival, gozaban dos seus mellores minutos no partido. Unha pequena reacción levaba aos de Xiria a empatar o partido a falta de trinta segundos, pero nunha acción final de 1×1, Iago Franco conseguía superar ao seu marcador e ante a falta de axudas, subir o definitivo 25-24 ao electrónico que lles daba a vitoria.

BM.Artabro: 25(11+14). Andrea (p), Antón (2), Javi (3), Marcos, David (3), Angel (5), Pablo, Carlos, Cristian (1), Lucas (4), I. Marqués, Iago Franco (6), Manuel (1).

Laber Xiria : 24 (13+11). Antonio (p), Alex Figueroa (1), Kevin Santos (3), Roi Alfeirán, Dani Esmorís (1), Iván Calvo (4), Juan Carlos Rodríguez (11)-Equipo Inicial– Fran Rey (1), Gabriel Castiñeiras, Ronaldo Durán, José Pereira (1), Diego Morandeira, Borja Rodríguez (2).

Colexiado: Damián Pedrouso. Sen complicacións. Excluíu con dous minutos a Javier polos locais.

Incidencias: Primeiro encontro para o Laber Xiria na Copa Federación, disputado no pavillón de Novo Mesoiro ante úns cincoenta seareiros de ambos os conxuntos.