O Marmolería José Rey Xiria cae nas redes do Bm Lucus

Penúltima xornada de liga para o Marmolería José Rey Xiria, que caeu na casa ante un Bm Lucus cunha maior antropometría física e baseando o seu xogo en defensa 6:0 e ataque 1×1 dos seus xogadores máis fortes.
Os infantís do Marmolería José Rey deron a cara ante a superioridade física rival. Un equipo baseado en xogadores de primeiro ano e que necesitan máis experiencias como as vividas hoxe no Carballo Calero.
Os primeiros instantes do encontro, os de Carballo, tentaban buscar espazos polo centro do 6:0 lucense, co que chocaban unha e outra vez sen conseguir opcións claras de lanzamento. Déronse conta que tiñan que ampliar o espazo de xogo e aproveitar máis aos extremos e Marcos Amarelle aproveitouse das asistencias dos seus compañeiros para marcar con facilidade na portería visitante. Ao descanso chegábase con 10 a 10.
Xa na segunda parte, sufría a defensa 3:3 do Xiria que permanecía demasiado atrás ante un Lucus máis grande. Trataba de subir a primeira liña de defensa e presionar máis aos xogadores para roubar balóns, pero unha e outra vez o Lucus conseguía golpes francos para chegar ao 1×1.
Co que non contaban os locais é con sufrir nas zonas exteriores ante dous extremos fortes que se recibían eran capaces de superar e lanzar nos 6 metros.
O marcador final foi de 21 a 23 favorable ao Lucus.
O Marmolería José Rey Xiria deberá seguir desenvolvendo o aspecto físico coas tarefas de cargas habituais e seguir progresando no seu xogo como ata agora.
Incidencias: Partido disputado no pavillón Carballo Calero ante uns 75 espectadores de ambos os conxuntos.
Colexiados: Iván Hernández e Renzo Martín Díaz do colexio Galego.

 

Marmolería José Rey Xiria 21 : Alex Tato [p], Manuel García [p], Manu Rey( 1), Ángel Villar, Manuel Muñoz, Hugo García (3), Manuel Pérez (1), Marcos Amarelle (11), Daniel Bello (3), Miguel Cambón (2).

Bm Lucus 23: Adrián López (7), Bieito Martínez, Brais Redondo (8), David Vázquez, Hugo Armesto (1), Juan Carlos Amedo (4), Nicolás Fernández, Samuel Hermida, Unai López (3),