O Montaxes Carballo Xiria Verde ratifica o seu liderado cunha vitoria sólida ante o BM Línea 21

O Montaxes Carballo Xiria Verde ratifica o seu liderado cunha vitoria sólida ante o BM Línea 21

Na xornada do domingo 9 de novembro, o Montaxes Carballo Xiria Verde recibiu no Pavillón do CEIP Fogar ao BM Línea 21, no encontro correspondente a 4º xornada da 1ª Fase da Liga Prata cadete masculina. O equipo local, dirixido por Álex e Gualter, demostrou novamente a súa solidez e eficacia, logrando unha vitoria clara que consolida a súa posición na competición.

Desde o asubío inicial, o Xiria Verde impuxo o seu ritmo. Cunha defensa moi activa, os bergantiñáns conseguiron anular o ataque visitante. A diferenza comezou a fraguarse grazas ás rápidas transicións e a un xogo ofensivo fluído. O marcador ao descanso xa era un reflexo da superioridade local: 28-11.

Na reanudación, o Montaxes Carballo Xiria Verde non baixou a intensidade. A rotación de xogadores permitiu manter o ritmo alto, e o equipo continuou sumando goles con regularidade. O BM Línea 21 tentou reaccionar, pero a defensa do Xiria e a eficacia no seu ataque impediron calquera intento de remontada. O xogo colectivo do Xiria destacou, con achegas importantes de todos os xogadores. A pesar da diferenza, o partido mantívose cun ritmo alto, e o Xiria soubo xestionar a vantaxe ata o asubío final.

O encontro rematou cun contundente 45-28 a favor do Montaxes Carballo Xiria Verde. Esta nova vitoria demostra a boa dinámica do equipo e o bo traballo realizado tanto en defensa como en ataque. O equipo visitante, pola súa banda, nunca lle perdeu a cara ao partido, loitando ata o final.

O Montaxes Carballo Xiria Verde buscará manter esta liña ascendente na próxima xornada para seguir afianzándose como un dos equipos fortes da Liga Prata cadete.