O Suevia non acada a praza de Liga Ouro e competirá en Prata esta Tempada

O Suevia visitaba a pasada semana terras pontevedresas para xogar o acceso á Primeira División Galega durante o venres, sábado e domingo.

A competición non podía comezar de peor maneira para as de Bergantiños. Un comezo ante Chapela nefasto, cunha racha de (0-11) e infinitos erros de lanzamento impedira o equipo xuvenil anotar ata o minuto 20 de partido, chegando ó descanso nunha diferencia insalvable (2-15). Na segunda metade o equipo mellorou lixeiramente a súa efectividade, pero seguía a encadenar malas accións ofensivas a pesar de facer un bo traballo en defensa. Non deixaron de pelexar ata o derradeiro minuto de encontro (11-30).

No sábado o conxunto verde afrontaba o reto ante Teucro. Igualadas de principio a fin, o Xiria mantivo o pulso e foi quen de recuperar os mandos do electrónico nos últimos compases, pechando un encontro moi complicado. Aínda que falta moito por mellorar para achegarse a normalidade, o Suevia tivo unha mellora nos seus números ofensivos e conseguiu a vitoria por un leve marxe (25-23).

No derradeiro encontro disputado o domingo pola tarde, as locais, xa clasificadas, afrontaban o encontro ante un Xiria que precisaba un bo resultado para ter posibilidades de clasificación. Un novo inicio desastroso, con graves errores defensivos por primeira vez na tempada, golpeou duramente ó Xiria co (11-2) nos primeiros 11 minutos. Malia que foron recuperando pouco a pouco a compostura, o encontro xa se atopaba sentenciado ante un rival claramente superior coa condición de favorito.

O (37-17) final deixaba sen esperanza a un equipo que fixo todo o posible na pista durante os tres encontros e que só merece ánimos e recoñecemento. O balance total de -39 goles deixaba ó Suevia por detrás dos outos terceiros clasificados e terá que afrontar unha tempada en Prata repleta de partidos moi igualados nos que terá que pelexar cada punto.

Non hai tempo para lamentacións xa que os encontros comezan esta mesma fin de semana na casa ante SAR B. O destino ofrece ás carballesas unha oportunidade de revancha moito antes do esperado.

Non necesitan sorte co enorme traballo e cohesión que veñen a amosar durante os adestramentos e a competición. A pesar dos numerosos erros, o equipo segue a mellorar a ritmo firme, deixando boas expectativas para esta tempada.