OAK ENGLISH CENTRE XIRIA 48 – BM NARON 17

Oak English Centre Xiria (25+23) 48: Naya, Barreiro (6), Iago (18), Zas, Brais (7), Martín, Miguel (2), Bisbi, David (3), Antón (10), Jorge (2), Alberto, Ivan. Adestrador: Juan M. Rodríguez.
Bm Narón (8+9) 17: Miguel, Ignacio (2), Iago (3), Victor (6), Fernando (3), Brais, Alberto López, Sergio, Ruben (6), Pedro, Francisco (4), Alberto Díaz. Adestrador: Rafael Taracido.
Colexiados: Sergio Lara e Imma Riera. Amosaron descoñecemento do regulamento e erros propios da súa inexperiencia.

Imparable. Dende que perdera con rotundidade fronte ao OAR, o Oak English Xiria conseguiu un empate e catro vitorias no campionato territorial cadete masculino. E ademais, conseguiu mellorar os seus resultados con respecto a primeira volta metendo máis goles e encaixando poucos.

O partido que enfrontou aos de Carballo co Bm Narón non foi distinto aos outros en canto a obter a vitoria pero si que foi diferente no tocante á actitude dos xogadores que se entregaron en corpo e alma ao seu traballo. Unha defensa forte e contrataque veloz foron as armas coas que o Oak English conseguiu dobregar a un combativo Narón cuxo ataque 4:2 xa non sorprendeu tanto como na primeira volta. Nin tampouco a mixta e mixtas que intentaron facer. Lances que foron solventados con bo criterio polos pupilos de Juan M. Rodríguez.

A anécdota do partido puxérona os colexiados, principiantes e faltos de experiencia e coñecemento do regulamento. Dúas accións aclaran este comentario, como primeiro exemplo a concesión de dous tempos mortos a un mesmo equipo na primeira parte e como segundo unha parada no xogo nun contrataque en 1ª oleada do Oak para dar entrada a un xogador do Narón que estaba excluído. En fin, a pesar de todo isto non se descentrou o Oak que seguiu traballando e realizando o seu xogo ata o final do partido.

A vindeira fin de semana o equipo carballés visita ao lider da categoria, o Balonmán Oleiros, en busca de seguir co bo xogo mostrado no día de hoxe e en busca dos postos que dan dereito a xogar o campionato galego. Prazas que no día de hoxe ocupan o Oleiros, con un punto máis que os carballeses, e o OAR, cos mesmos puntos que o Oak. O OAR, precisamente será o último rival do Oak, co que a liga e os postos clasificatorios para a fase final vanse decidir nestas dúas derradeiras xornadas. Se os rapaces do Xiria continuan pola senda marcada neste partido poden aspirar a todo.