O encontro de cuartos de final da Copa Galicia que se celebrou no Vila De Noia o pasado sábado, deparou un vibrante espectáculo para o afeccionado ao balonmán, que só se viu embazado nos últimos dez minutos, momento no que os erros e as perdidas de balón sentenciaron aos locais.
O Calvo Xiria deu unha excelente imaxe nos primeiros trinta minutos e a pesar de levar só dúas semanas de preparación, dominou o choque de forma notable, impoñéndose no ataque á defensa 6:0 do conxunto de categoría superior. No outro area en cambio, a retagarda dos de Carballo, tamén en 6:0, colaboraba cun gran Iago Gómez baixo os paus e conseguía manter un bo nivel cunha alta intensidade nos contactos. O bo tono presentado polos verdinegros e o 17-14 ao descanso, non aseguraban o éxito final ante o gran conxunto do Rosal, pero as sensacións eran moi positivas neste segundo envite de pretemporada.
O Calvo Xiria dáballe ao partido un caracter preparatorio e por iso e a pesar das boas sensacións mostradas no primeiro tempo, na continuación, o técnico carballés optaría por analizar o comportamento do seu defensa alternativa, a 5:1. Aquí é onde comezarían a cambiar as tornas e mentres a retagarda dos bergantiñáns empezaba a dar signos de debilidade, a dos rosaleiros, tamén con cambio a 5:1, taponaban a fluidez mostrada polo Calvo Xiria no primeiros trinta minutos do seu ataque. Aínda que os visitantes conseguían adiantarse no electrónico no minuto 40, as igualadas foron a constante ata o 50, momento no cal as perdidas de balón e as malas decisións nos lanzamentos, daban ao traste con todo o traballo anterior. Cada perda convertíase nun contragolpe letal e así, en apenas 10´, a contundencia do parcial sería de 1-9 para finiquitar o encontro cun avultado 26-35 que non fai xustiza á realidade do mesmo.