Outro fin de semana de partidos importantes

O Calvo Xiria viaxa este próximo Sábado a Vigo para enfrontarse ao Seis Do Nadal no pavillón de Coia. O encontro dará comezo ás 19:00 h e os carballeses parten coa ambición de seguir sumando de dous en dous para manterse invictos e continuar na parte alta da clasificación. O labor non será sinxelo, xa que os olívicos están a asinar un excelente inicio de tempada e tan só cederon ante o primeiro clasificado e ante o Lalinense, outro dos favoritos ao título. Coa baixa de Cuco por lesión, o Calvo Xiria afronta en envite sabendo que de novo a faceta defensiva será clave no devir do mesmo e a mellora no posicional, partindo da mobilidade e o xogo sen balón da primeira liña, para dar continuidade á pelota desde a disciplina e o rigor táctico.

No senior feminino, tamén na tarde do sábado (20:00 no Ceip Fogar), recibe o Goldie Xiria ao A.D. Carballal, equipo novo e con talento que a recado poñerán en dificultades ao conxunto do Goldie. Un partido importante para a clasificación polos postos altos e para o que as carballesas non poderán contar coa baixa case segura de Támara Pombo, por unha escordadura de nocello e a dúbida de Aida Vizcaíno, ata última hora. O Goldie espera seguir na liña progresiva das últimas semanas e pelexar por conseguir os dous puntos que as eleve aos postos cabeceiros.
Xa en base, o Laber Xiria visita a Sar de Redondela nesta 5ª xornada co ollo posto na recuperación de varios dos seus compoñentes, mancados na derradeira fin de semana onde o equipo tivo dobre enfrontamento. Espérase atopar a unha Sar en bo estado de forma e ánimo logo de vencer esta semana ao Teucro. Deberá o Laber subir a intensidade defensiva e buscar máis continuidade no xogo de ataque, a aportación dos porteiros carballeses e as saídas a contra serán fundamentais para obter un resultado positivo

O Grupo Lemaco viaxa o domingo ata Culleredo, para enfrontarse ao equipo local ás 11:30 no pavillón de Almeiras. Derbi de emocións xa que os dous equipos atópanse loitando por estar entre os seis primeiros clasificados. Interesante partido, con xogadores dabondo coñecidos polos afeccionados, polo que esperamos ver bo ambiente nas bancadas, animando a estes rapaces a facer un bo balonmán.
O Garaysa infantil masculino, tamén viaxa ata Culleredo para disputar o derbi ante un dos favoritos ao título final. O encontro será o Domingo as 13.00h.

Xa en feminino, esta fin de semana o Hierros Varela Urbieta Xiria desprázase a Lugo para disputar a 4ª xornada da segunda división cadete feminina. O encontro terá lugar o sábado 27 ás 16:00 horas na Casa do Deporte de Lugo. Ambos equipos veñen de gañar a pasada xornada e se atopan actualmente nos 4 primeiros postos da clasificación polo que o partido será unha loita por non descolgarse dos primeiros postos da competición.

Na DH Infantil Feminina, enfrontanse o Seis Do Nadal Coia vs Xiria Punta del Este, outro encontro complicado para as rapazas de Carballo que están a mellorar semana tras semana nesta División De Honra tan exixente. O partido será o Sábado 27/10 as 10:00 no pavillón municipal de Coia.

O derbi de segunda entre o Xiria Marmolería José Rey  e Bm Camariñas, está a espera de decidir día no que se dispute o encontro, xa que o BM. Camariñas solicitou o aprazamento por non dispoñer de rapaces para xogar o Sábado. A Federación Galega, terá que decidir sobre este caso e dar luz verde a unha nova data.