Previa – Dobre derbi en Tarrío e autonómica de nivel no Vila de Noia

Previa – Dobre derbi en Tarrío e autonómica de nivel no Vila de Noia

1ª Nacional

Este sábado 18 de outubro ás 20:00 h, no Pavillón Municipal de Tarrío, celébrase un dos encontros máis esperados da Primeira Estatal: BM Culleredo vs Calvo Xiria. Un derbi que sempre leva moita historia detrás, no que ambos equipos se coñecen ben.

O Xiria chega con dúas derrotas nas últimas xornadas, nas que amosou carácter, intensidade e capacidade de reviravolta, agora buscan que todos estos efectivos se vexan reflexados no resultado. O equipo verdinegro quere trasladar esa forza ao deseño táctico defensivo e, sobre todo, deberá de manterse firme nos momentos clave fóra de casa.

Culleredo, pola súa banda, é un club cunha afección que vive cada vitoria como un triunfo colectivo. En Tarrío intentará sacar proveito do factor cancha, apretar dende atrás e explotar os detalles que xorden nos momentos de desequilibrio. Ademáis conta cunha motivación extra tras a última vitoria pola mínima en Bueu.

Agárdase un choque físico, con xogo rápido, presións constantes e transicións. O Xiria quere puntuar nesta xornada e o Culleredo que continuar o seu bo facer da xornada anterior, polo que se agarda un derbi emocionante e con moito ritmo.

Antes deste partido de 1º Estatal, ás 18:00h tamén no pavillón de Tarrío, os veteráns do Xiria enfrontaranse nun amistoso aos veteráns do Balonmán Culleredo, un partido no que desfrutar das lendas de ambos equipos e quentar motores para a tarde de balonmán.

1ª Autonómica Masculina

Este sábado 18 de outubro ás 17:30 h, o Pavillón Vila de Noia será testemuña dunha nova cita da Primeira Autonómica Masculina entre o Calvo Xiria B e o Pavimentos Rías Baixas Bueu Atlético Balonmán.

O filial carballés chega coa moral en crecemento tras un empate moi disputado ante o Valinox Novás B, onde o equipo amosou solidez, carácter e unha clara mellora no xogo colectivo. O conxunto verdinegro busca agora, ante a súa afección, transformar esas boas sensacións nunha vitoria que lle dea confianza para seguir medrando na categoría.

Enfronte estará un Bueu Atlético que chega lanzado, con dúas vitorias consecutivas e un ataque moi produtivo (máis de 40 goles por encontro nas dúas últimas xornadas). O conxunto de Bueu é un dos bloques máis equilibrados da liga, cun ritmo alto e moita experiencia, polo que esixirá ao Xiria B máxima concentración e intensidade defensiva.

Agárdase un partido vibrante no Vila de Noia, con dous equipos que queren consolidar sensacións opostas: o Calvo Xiria B, na procura da súa primeira vitoria, e o Bueu Atlético, decidido a manter a súa boa dinámica. Un duelo atractivo e cheo de emoción para a tarde do sábado en Carballo.

Liga Ouro Xuvenil

O Pavillón Vila de Noia será escenario este domingo 19 de outubro dunha dobre cita xuvenil, con dous partidos que prometen emoción, entrega e moito balonmán da canteira carballesa.

O Grupo Lemaco Xiria abrirá a xornada ás 10:30 h fronte ao Anubia Lavadores Vigo, nun encontro clave para seguir medrando na competición. As verdinegras chegan con ganas de cambiar a dinámica tras un inicio de liga esixente, e buscarán ante o seu público a primeira vitoria do curso. O rival vigués, chega con dúas vitorias e demostrando solidez, polo que o reto será de alto nivel.

A continuación, ás 12:20 h, será a quenda do Hierros Varela Urbieta Xiria , que recibe ao Martínez & de Castro Balonmán Tui. O equipo carballés busca recuperar sensacións tras a derrota en Lalín e volver á senda da vitoria diante da súa afección. O conxunto de Tui tamén chega necesitado de puntos, polo que o duelo promete igualdade, ritmo e moita loita en cada acción.

Unha mañá de balonmán xuvenil de nivel no Vila de Noia, con dous encontros que servirán para medir o carácter e a evolución dos nosos equipos, e nos que o apoio da bancada pode ser determinante.

Liga Prata Cadete

A fin de semana traerá novos retos para os equipos cadetes do Calvo Xiria, que afrontan a segunda xornada da Liga Prata con ilusión e moitas gañas de seguir medrando.

O Grupo Lemaco Xiria viaxa este domingo a Ribeira, onde xogará ás 10:00h no Pavillón da Fieiteira fronte ao Club Balonmán Ribeira. As carballesas chegan con confianza despois dun debut sólido ante o Xallas, e buscarán dar continuidade ás boas sensacións.

Pola súa parte, o Montaxes Carballo Xiria Branco xogará o sábado ás 10:00 h no Pavillón Quiroga Palacios ante o BM Ribadosar – Casa da Eiriña. Os verdinegros chegan tras unha gran vitoria na súa estrea e queren seguir mostrando un xogo rápido e eficaz en ataque.

Dous encontros esixentes para a canteira carballesa, que continúa demostrando que o traballo e o compromiso seguen sendo os piares do proxecto do Xiria.

Liga Prata Infantil

Esta fin de semana os equipos infantís afrontan novos encontros nos que buscarán seguir crecendo e collendo ritmo competitivo.

O sábado ás 12:15 h, o Maquisaba Xiria xoga no Pavillón Fogar ante o Balonmano Pontedeume, nun encontro no que as locais buscarán estrearse con boas sensacións despois de descansar na xornada anterior.

O Garaysa Xiria xogará o sábado ás 10:30 h no Pavillón Vila de Noia fronte á S.D. Eumesa. O equipo carballés chega con confianza tras un debut con vitoria en Narón.

O Tubasys Xiria e o Garaysa Xiria B visitarán o domingo ás 11:20 h e ás 12:40h, respectivamente, o Pavillón da Fieiteira para medirse ao Balonmán Ribeira. As carballesas chegan pletóricas tras unha clara vitoria na primeira xornada ante o Xallas, e buscarán manter o bo nivel mostrado. Mentras o equipo masculino loitará por mellorar as prestacións da pasada xornada e seguir progresando nunha liga moi igualada.

Nova fin de semana de aprendizaxe, ilusión e balonmán para a base verdinegra, que segue demostrando o seu compromiso e paixón pola camiseta do Xiria.