Previa – O Xiria busca puntos e emoción en todas as categorías

Previa – O Xiria busca puntos e emoción en todas as categorías

1ª Nacional

Este sábado 4 de outubro ás 20:00h no Pavillón Juan Vega Mateos, o Gáldar Gran Canaria recibe ao Calvo Xiria na 4ª xornada da Primeira Estatal; será un duelo no que os canarios queren manter a súa boa traxectoria recente e o Xiria buscará seguir sumando fóra de casa.

O Calvo Xiria chega nun bo momento tras mostrar carácter nas primeiras xornadas e sumar unha vitoria importante que dá confianza ao equipo.

Pola súa banda, o Gáldar chega en bo momento e con partidos recentes que demostran que saben pelexar até o final, apoiados por unha afección que enche o Juan Vega Mateos e por un proxecto que busca asentarse na categoría.

Agárdase un partido intenso e físico, con dous conxuntos que definen partidos coa presión defensiva e contragolpes efectivos; para o Calvo Xiria será clave manter a concentración nos momentos decisivos e que o bloque defensivo siga dando pasos adiante. Un encontro para non perderse: sábado ás 20:00 en Gáldar, emoción asegurada.

1ª Autonómica Feminina

Este domingo 5 de outubro ás 18:30h, o Calvo Xiria afronta o seu terceiro e derradeiro encontro da Copa Federación visitando ao BM Brigantium Nunegal no Pavillón Novo Mesoiro.

O equipo carballés chega logo de dous partidos moi competidos e igualados ata os minutos finais, pero que se saldaron con derrotas. As xogadoras dirixidas por Brais Puñal seguen a dar pasos firmes no seu crecemento como grupo. O obxectivo está en seguir medrando e atopar sensacións positivas que sirvan de base para a liga.

Enfronte estará un Brigantium Nunegal que, recén ascendido desde a Segunda Autonómica, tampouco logrou puntuar aínda na competición. No plantel do conxunto coruñés destaca Mara Garabaya, cara coñecida no Calvo Xiria que se reencontrará co seu antigo club.

Agárdase un encontro vibrante entre dous equipos con ganas de sumar a súa primeira vitoria nesta Copa Federación. Para o Calvo Xiria será unha boa oportunidade de plasmar en resultado o traballo das últimas semanas e marchar da competición con boas sensacións antes do inicio ligueiro.

1ª Autonómica Masculina

Este domingo 5 de outubro ás 17:30h, o Pavillón Fogar será escenario do primeiro partido na casa do Calvo Xiria B na 1ª Autonómica Masculina. O filial carballés, recén ascendido, recibe ao Poio Artai, un dos equipos máis experimentados da categoría e habitual nas fases finais.

O Xiria B chega tras estrearse cunha derrota en Mesoiro, nun encontro marcado pola falta de acerto en momentos clave, pero no que o equipo mostrou detalles de carácter e a valentía propia da súa xuventude. O obxectivo pasa por seguir collendo ritmo na categoría e medrar competición tras competición.

Enfronte estará un Poio Artai que arrincou a liga con forza, gañando pola mínima outro recén ascendido, o Noroplaza Atlántico. Os pontevedreses levan anos asentados entre os mellores da Autonómica, con participacións en Final 4 e mesmo fases de ascenso, e presentan un bloque sólido con nomes destacados como Alejandro Pombo ou Pablo Picallo, xogadores con experiencia e capacidade ofensiva contrastada.

A cita promete intensidade: o Calvo Xiria B buscará facerse forte en Carballo, arroupado pola súa afección. Un auténtico test de nivel para os carballeses na súa estrea de categoría.

Play Off Cadete Masculino

O Montaxes Carballo Xiria A xoga en Carballo un play-off decisivo polo acceso á Liga Ouro.

Durante tres días (venres, sábado e domingo), o Pavillón Vila de Noia acollerá unha competición esixente fronte a rivais de nivel como BM Culleredo Despreocúpate.es, Valinox Novás e UB Lavadores Vigo. O conxunto carballés, que amosou un gran rendemento na fase de clasificación como primeiro clasificado, terá o apoio da bancada como aliado para dar o paso definitivo cara á elite galega da categoría.

Liga Ouro Xuvenil

O Hierros Varela Urbieta Xiria recibe este sábado ás 12:30h no Pavillón Fogar ao Valinox Novás. Os carballeses estreáronse con triunfo na primeira xornada ante o Chapela, demostrando carácter e cohesión. Agora, buscarán confirmar as boas sensacións cun novo resultado positivo que os consolide na parte alta da táboa.

O Grupo Lemaco Xiria A afronta o domingo ás 10:30h, tamén no Pavillón Fogar, un duro compromiso ante o Balonmano Porriño. As carballesas chegan tras dúas derrotas, pero co obxectivo de seguir acumulando experiencia e mellorar paso a paso nunha competición tan esixente como a Liga Ouro. A ilusión e o traballo diario son as súas mellores armas para dar a volta á dinámica e loitar polo primeiro triunfo.