Este pasado sábado, día 13, o Calvo Xiria feminino recibía como local ao CDEC Lavadores de Vigo nun encontro que enfrontaba ao primeiro e ao segundo clasificado da táboa. Todo facía presaxiar un partido moi igualado, con dous equipos aos que lles gusta imprimir moito ritmo e correr durante os sesenta minutos.
CALVO XIRIA 21- CDEC LAVADORES 26
O encontro comezou cunha intensidade moi alta por parte de ambos conxuntos, aínda que foron as locais as que conseguiron impoñerse nos primeiros compases. O gran traballo defensivo do equipo carballés provocaba numerosos erros no conxunto visitante, o que permitía ás xogadoras do Calvo Xiria dispoñer de rápidas transicións ofensivas. Aínda que non sempre se tomou a mellor decisión na finalización das contras, este dinamismo defensivo permitiu ás locais abrir unha primeira fenda no marcador e mantela durante toda a primeira metade.
A primeira parte foi un auténtico toma e daca, cun ritmo moi elevado e alternativas para os dous equipos, onde calquera podía decantar o marcador ao seu favor. Porén, foi o Calvo Xiria feminino quen se mostrou máis eficaz nas accións decisivas, chegando ao descanso cunha lixeira vantaxe de 14-12.
Trala volta dos vestiarios, o equipo local saíu excesivamente desconcentrado, cunha defensa máis lenta, replegada preto da liña de seis metros, e cun ataque demasiado precipitado para o contexto do partido. Esta situación foi aproveitada polo CDEC Lavadores, que se foi achegando pouco a pouco no marcador, mentres que o equipo carballés ía perdendo ritmo e profundidade no seu xogo.
Este foi o factor determinante da segunda metade. O Calvo Xiria foi perdendo seguridade nas súas accións, tanto ofensivas como defensivas, o que provocou que as situacións que funcionaran ben na primeira parte deixasen de saír. En ataque non se lograba desenvolver o sistema de xogo debido ás perdas de balón e á falta de fluidez colectiva, mentres que en defensa, aínda que se conseguiu axustar co paso dos minutos, seguían sendo visibles os efectos desa perda de confianza.
Finalmente, o encontro rematou cun resultado de 21-26 favorable ao UB Lavadores de Vigo, un marcador que non reflicte fielmente o desenvolvemento do partido, pero que si é un claro reflexo dos malos minutos vividos polo conxunto carballés na segunda parte.
Con todo, a liña de traballo e de competición en grandes partes da competición é moi boa para un equipo que se coñecía dende o comezo da tempada que ía a ir de menos a máis.


