Samertolameu e Pabellón, primeiros rivais do Calvo Xiria en Copa e Liga

Dende o pasado luns, o Calvo Xiria de Manu López xa está mans á obra para preparar a próxima tempada e xa coñece aos seus primeiros rivais en competición oficial.

Na mañá deste mércores, a Federación Galega de Balonmán acolliu o sorteo da copa e da liga de Primeira Autonómica Feminina, competicións nas que participará esta tempada o conxunto verde e negro.

Polo que respecta á Copa 1ª Autonómica Feminina, o Calvo Xiria quedou encadrado no grupo C e enfrontarase a Granitos Ibéricos Carballal, Seis do Nadal Coia e BM Samertolameu, sendo este último o equipo co que abrirá a competición copeira, a cal para as carballesas dará comezo en terras moañesas.

No referente á Liga de 1ª Autonómica Feminina, a competición estará dividida en dous grupos de nove equipos, quedando encadrado o Calvo Xiria no grupo B, o cal estará formado, ademáis de polas nosas, por BM Xallas, BM Caselas, Seis do Nadal Coia, Coreti Lalín, Asmúbal Meaño, BM Pabellón, BM Reconquista e BM Brigantium.

A competición ligueira dará o pistoletazo de saída, salvo novidade, a fin de semana do 11 e 12 de setembro, momento no que as nosas rapazas poñerán rumbo á cidade das Burgas para enfrontarse ao BM Pabellón.

De aquí ao inicio de ambas competicións, as pupilas de Manu López seguirán sumando minutos de adestramento e de preparación para chegar da mellor maneira posible para afrontar todos os seus envites.