Tanto Tui coma Xiria caeran ante Porriño de forma clara na pasada xornada e agardaron ata o sábado para buscar os puntos e a segunda praza no grupo B da Fase de Clasificación.
O encontro comezou con moitos erros defensivos por parte das locais pola falta de concentración, pero un tempo morto no minuto 12 rompeu a igualdade (6-6) co cambio de actitude, impoñéndose no marcador malia acumular numerosos erros de lanzamentos sinxelos para irse ó vestiario (13-10).
Na volta á pista a defensa do Suevia seguiu na súa liña, pechando a cancela e recuperando numerosos balóns que aportaron boas ocasións de contraataque. Sen embargo, as incontables perdas nos pases das locais evitaron transformar o esforzo defensivo en tantos para despegarse no marcador dun Tui que pelexou ata o derradeiro minuto (23-20).
Unha gran actitude do conxunto xuvenil deixa un bo sabor de boca a pesar da moi mellorable actuación ofensiva. Agora o Suevia ten unha semana para preparar un Play Off no que se xogarán estar na Primeira División Galega. O venres o equipo viaxa ata Redondela para afrontar o primeiro encontro ante as locais.