Táboas entre o Goldie Xiria e o Bm Moaña

Na visita do Goldie Xiria a Moaña, o resultado de empate impartiu xustiza para os dous conxuntos, que dominaron cada un, unha parte do partido.

Aínda que na primeira metade puidemos ver a un Goldie Xiria, solidario e concentrado nas tarefas defensivas, ao que uniu a partir do minuto 10, boas decisións en ataque. Levaron a diferenza ao marcador de 9 a 14 ao descanso.

A pelota estaba sobre o tellado carballés para facerse cos dous puntos; pero as locais impoñían un ritmo distinto ao partido e daban maior firmeza a súa defensa na segunda metade.

Non se atopaba a gusto na pista e nin o tempo morto solicitado por Adrián Dubra cambiaba o signo do partido. As inseguridades daban con demasiadas perdas de balón e ataques precipitados, que poñían demasiado difícil o balance defensivo.

Non pintaba ben para as do Goldie que vían como a falta de 1 minuto quedaban cunha xogadora menos e un gol por baixo. Pero, o carácter gañador do equipo saía no momento preciso e xogando a portería baleira, conseguía un empate moi valioso; que sabe a pouco, pero antóllase xusto, dado o devir do encontro.

A semana que vén o Goldie Xiria, recibe a visita do Coreti Lalín, no Ceip Fogar ás 17:30. Equipo que vén á alza en canto a resultados; polo que o factor de xogar na casa, antóllase máis importante se cabe. Unha vitoria consolidaría ao Goldie nos postos de cabeza; aínda que para lograla deberán lograr manter o ritmo de xogo durante os 60 minutos, xa que serán os pequenos detalles os que marquen o encontro.

Incidencias: Partido disputado no pavillón mpal O Rosal ante uns cen seareiros. Colexiados: Patric Espada e Rubén Iglesias. Sen complicacións.

BM MOAÑA 24 ( 9 + 15 ): Elisa María Carrera, María Miguez, Sara Acuña (7), Sara Piñeiro (3), Susana Peña, Ainoa Fernández, Andrea Reboiras (2), Laura Chavert, Fátima Comedeiro (6), María Estévez, Aida Barros, Marta Nogueira, Daniela Puga, Tara Fazanes (4), Marta Ramallo, Lucía Rodríguez, Cristina Riobo (2).

GOLDIE XIRIA 24 ( 14 + 10 ): Nadia Vázquez [p], Sara Pose [p], Juana Garrochena, Alba Rodríguez (2), Natalia Solís (3), Eva Facal, Mina Ribullén (4), Aida Vizcaíno (3), Jessica Posse (5), Saray Couto, Elena Segade (4), Támara Pombo, Sheila Ferreiro, Raquel Gómez (3).