O Calvo Xiria disputou este pasado sábado o derbi da comarca ante o Xallas a domicilio, nun encontro que resultou moi igualado con baixos rexistros goleadores, e onde as defensas brillaron por riba dos ataques. O encontro ven marcado polo susto do golpe da xogadora carballesa, Natalia Pose, que tivo o encontro parado durante 10 minutos. Un partido intenso como todos os derbis onde os mesmos sistemas defensivos(6-0) obraban dificultades para atopar boas opcións de lanzamentos en ambos conxuntos. Con alternancias no marcador, chegouse ó descanso cun pírrico empate a 8 tantos.
Xa no segundo periodo, as carballesas estiveron moito mellor que as de Santa Comba, impulsadas pola grande expedición de xiriareiros que se desprazaron ata aló. As carballesas dominaron no electrónico toda a segunda metade, eso si, sen decantar o encontro ata os minutos finais, pero co 12-16 foron quen de manter ó Bm. Xallas na distancia. Xa a falta de un minuto, a necesidade era manter ou ampliar nun gol o resultado de 14-18, polas diferenzas de goles en caso de acabar cos mesmos puntos, e conseguírono mediante un lanzamento de sete metros.
Este resultado certifica a permanencia na Primeira Autonómica do Calvo Xiria, ademais de manter un fío de esperanza, aínda que complicado, por seguir soñando cunha Final Four na categoría. Para iso, dentro de dúas semanas recibirá o segundo clasificado, a UB Lavadores no Vila de Noia