Fin de semana moi positiva para os equipos do Garaysa Xiria, que sumaron dúas vitorias traballadas en encontros moi disputados.
O Garaysa Xiria A logrou unha importante vitoria en Vigo ante o Seis do Nadal por 27-28. O equipo carballés comezou moi concentrado o partido, marcando o ritmo dende o inicio, aínda que ao descanso o marcador apretouse (11-13). Na segunda metade, o Xiria mantívose sempre por diante, cunha renda de entre tres e catro goles, pero nos últimos minutos o Seis do Nadal conseguiu igualar o encontro. Nun final de máxima tensión, unha gran acción ofensiva do Xiria decantou o partido. O último ataque foi para o conxunto local, pero non conseguiron anotar, certificando así o triunfo carballés, que os consolida líderes con 4 vitorias en 4 encontros.

Pola súa banda, en Carballo, o Garaysa Xiria B impúxose ao OAR Coruña por 26-23. O equipo local saíu moi serio á pista, colleitando unha renda inicial de tres goles e chegando ao descanso cun 13-9 favorable. Na segunda parte, grazas a unha defensa moi sólida, o Xiria chegou a acadar vantaxes de ata seis goles. Nos minutos finais, o OAR apretou o marcador, pero os carballeses souberon xestionar a vantaxe para pechar unha vitoria moi traballada.

Dous triunfos que amosan o carácter, compromiso e bo traballo colectivo dos equipos do Garaysa Xiria. A vindeira semana o Garaysa A recibirá en Carballo ao Rasoeiro mentres que o Garaysa B viaxará ata Culleredo.


