Un Calvo Xiria de dúas caras empata en Cangas contra o Luceros

O partido tivo un claro dominador en cada unha das partes; polo que o empate parece o máis xusto para ambos conxuntos.

O Calvo Xiria comezou dubitativo, fallando lanzamentos cómodos onde sobresaíu Javier Fernández na portería local e en defensa concedendo demasiados privilexios á primeira liña local. A lesión de Jorge Bouzas no minuto 6, fixo crecer máis a sangría na parcela defensiva. O xogador carballés perderase o que resta de tempada, despois do seu encontronazo contra a parede do pavillón nun contraataque. O técnico Adrián Dubra tivo que solicitar ata dous tempos mortos na primeira parte e o Calvo Xiria foise ao descanso con 18 a 11 e unha imaxe que querían cambiar custase o que custase.

Tras o paso por vestiarios, o equipo atopouse a si mesmo, a intensidade era diferente, todos co mono de traballo, en tarefas defensivas, aos poucos, foron recortando diferenzas. Antonio realizaba paradas de mérito á vez que sacaba contraataques para facilitar goles rápidos.

A falta de 10 minuts a diferenza era só dun gol. O Calvo Xiria lograba a igualada ao cuarto intento no ataque posicional e daba a volta ao marcador por medio de Chimpo. A falta de 2 minutos (28 a 31) ataque rápido do Luceros e gol de Ignacio Salgado. O Calvo Xiria perdía dous balóns de maneira consecutiva que daban co empate no marcador. A falta de 1 segundo lograba encarar a portería do Luceros; pero o lanzamento rápido marchábase fóra.

Un punto moi traballado que deixa satisfeito ao cadro do Calvo Xiria e que agora teñen de novo un partido na casa que afrontan con máxima ilusión.

Automania Luceros 31 – Calvo Xiria 31

Automania Luceros (18+13): Javier Fernández (p), Mateo Pallas (p), Manuel Barreiro, Manuel Rodríguez (2), Manuel Soliño, Pablo Fernández (1), Alexandre Gallego (1), Manuel Pérez (7), Gael Blanco (7), Carlos Menduiña (1), Roberto Castro, Rodrigo Camaño (1), Rubñen Augusto, Miguel Pousa (2), Ignacio Salgado (9).

Calvo Xiria (11+20): Antonio Mato (p), Darío Calviño (p), Aarón Rodríguez, Pablo Veiga (1), Julián García (2), Chimpo Rodríguez (7), Diego Vega (3), Manu Méndez (4), Álex Gómez (5), Jorge Bouzas (1), Carlos Varela, Mario Cancela (4), Martín Fuentes (4).

Árbitros: Pedro Víctor Naranjo e Álvaro Palop.

Marcador cada 5 minutos: 3-0, 5-2, 10-4, 13-7, 16-8, 18-11, (descanso), 19-13, 21-18, 23-22, 25-24, 28-28, 31-31 (final).

Incidencias: Partido correspondente a 23ª xornada do Grupo A da Primeira Nacional, disputado no pavillón do Gatañal (Cangas).