Un Calvo Xiria de menos a máis caeu na Supercopa Galicia ante todo un Atlético Novás

O conxunto carballés foi de menos a máis nun encontro no que caeu derrotado ante todo un Atlético Novás que fixo valer a diferenza de categoría e a súa maior rodaxe para lograr a clasificación para a Final Four da Supercopa Galicia.

Calvo Xiria 19 – 32 Acanor Atlético Novás

Calvo Xiria (11+8): Antonio Mato (p), Rökvi Pacheco (p), Carlos Martín Guisasola, Gabriel Castiñeiras, Carlos Varela, Chimpo, Diego Vega, Diego Antelo, Manu Méndez, Álex Gómez, Jorge Bouzas, Mario Cancela, David García Pichel e Edu Cousillas.

Acanor Atlético Novás (21+11): Jorge G. Lloria (p), Héctor Gil (p), Alejandro Dorado, Yago Santomé, Iago Flores, Andrés Vila, Paulo Dacosta, Germán Hermida, Eloy Krook, Manuel Martínez, Henrique Petter, Jose Leiras, Guillermo Rial e Pau Ferre.

Marcador cada 5 minutos: 2-4; 5-8; 8-10; 9-14; 10-20; 11-21 (descanso); 13-23; 15-26; 15-27; 17-29; 19-31; 19-32.

Árbitros: Pablo Manuel Barreiro Suárez e Pablo Torreiro Barros; e como cronometradores Leticia Álvarez Campos e Francisco Camiño Pérez, todos eles do colexio galego.

Incidencias: Partido correspondente aos cuartos de final da Supercopa Galicia disputado no Pavillón Municipal Vila de Noia (Carballo) ante 160 afeccionados.

Nos primeiros intres do encontro, a igualdade foi a tónica predominante pero co paso dos minutos, a efectividade do Atlético Novás no lanzamento fíxose notar e de aí que a diferenza no marcador se fose ata os catro goles (2-6), momento no que Adrián Dubra decidiu pedir o primeiro tempo morto para reorganizar pequenos detalles, os cales fixeron que os carballeses reaccionasen e se puxesen a un gol dos visitantes.

Pero isto só durou uns minutos e volverían a aparecer os pantasmas do treito inicial do partido para un Calvo Xiria falto de agresividade e contundencia, algo que aproveitaría o equipo dirixido por Álvaro Senovilla facendo notar a diferenza de categoría, ademáis da súa maior rodaxe, para que se chegase ao descanso co 11-21 no instantáneo.

O descanso fíxolle moito ben aos locais e estes lograron cambiar drasticamente a súa imaxe e fixérono para ben. Durante a segunda metade, o Calvo Xiria logrou manter un pouco máis a raia a todo un Atlético Novás, algo que serían capaces de facer a base de un mellor traballo defensivo, o que fixo que a diferenza no parcial dos segundos trinta minutos fose tan só de tres goles para os rosaleiros.

Desta forma, o Calvo Xiria quédase cun sabor agridoce xa que os carballeses caerían eliminados desta Supercopa Galicia ante un rival de categoría superior como é todo un Atlético Novás que pelexou polo ascenso a Asobal durante a pasada tempada; pero o bo traballo realizado na segunda metade, deixou bo sabor de boca na familia verde e negra.

Agora, toca continuar traballando para seguir mellorando en todas as facetas do xogo e volver a poñerse a proba o vindeiro sábado 21 de agosto ás 19.30h., no amigable que disputará o Calvo Xiria ante o BM Cañiza.