Vitoria contra o Rasoeiro para cerrar a primeira fase

Vitoria contra o Rasoeiro para cerrar a primeira fase

O partido do pasado sábado enfrontaba ao Calvo Xiria B co  Rasoeiro Bm. Dito partido xa non tiña relevancia para ningún dos dous equipos pois arrastrábanse os puntos de esta primeira fase cos rivais directos. Con todo, tendo que xogar este partido era unha boa oportunidade para traballar aspectos que aínda están frouxos.

CALVO XIRIA B 43 – RASOEIRO BM 22

O partido comezaba co equipo carballés conseguindo dominar dende a defensa e aproveitando as situacións de recuperacións con rápidas contras. De este xeito xa dende ben cedo o Xiria conseguiu mandar no electrónico. O ritmo que impuxo o equipo carballés foi sempre rápido e isto facía que non existiran moitos ataques posicionais. A pesar de que o equipo de o Grove estaba a ter unha moi boa actitude o equipo local estaba a aproveitar moi ben as súas armas e a distancia seguía medrando ata o 24-10 ao descanso.

A segunda parte seguiu a mesma senda. O equipo carballés conseguía correr moito máis que os visitantes. Con todo, unha serie de accións que deben mellorar non conseguiron poñelas en práctica de xeito efectivo polo que se pode amosar que certos aspectos aínda están frouxos e deben traballarse máis para chegar a segunda fase con todas as ferramentas posibles.

Para a semana comeza xa a segunda fase contra o Pontedeume, nesta segunda fase o equipo carballés xogarase as opcións de ascender a 1ª Autonómica.