Vitoria de prestixio do Goldie Xiria

Despois de que chegase a primeira vitoria o pasado fin de semana en Carballo fronte ao BM. Lalín, o Goldie Xiria desprazábase a Salceda de Caselas para abordar unha difícil empresa, enfrontarse ao segundo clasificado da categoría, un equipo que sacaba 15 puntos na clasificación ás de Carballo e que sumaba seis vitorias máis que estas. As bergantiñás, coa moral polas nubes despois de conseguir os dous primeiros puntos na xornada anterior, chegaban a Salceda sen complexos e con moitas ganas por competir ante un gran reto.

As verdinegras entraron no encontro con enorme determinación, defendendo, facendo do contragolpe unha arma de gran efectividade e liquidando con relativa facilidade as accións no ataque posicional. As locais non tardaron en espertar e apoiadas no bo labor da súa porteira e na sua central e lateral dereito no posicional, mantiñan o ronsel dun Xiria que mandaba no electrónico (4-6 minuto 15). Nos instantes finais desta primeira parte, tres erros consecutivos do Goldie darían ao conxunto de Salceda a posibilidade de igualar a contenda e así, chegar ao tempo de descanso con todo por decidir (9-9). As que entrarían con forza no segundo acto, eran as mozas de Salceda e cun 2-0 de parcial, tomaban a primeira vantaxe. Non estaban dispostas as visitantes para perder corda despois do gran esforzo realizado e conseguían igualar de novo o marcador en apenas cinco minutos (11-11). A partir de aquí, abríase un toma e daca que duraría quince minutos, xusto o tempo que tardaría o Goldie Xiria e tomar de novo a dianteira (16-17), vantaxe que xa non abandonaría o conxunto carballés e que mesmo ampilaría para conseguir a súa segunda vitoria en liga, unha vitoria de gran prestixio xusto antes do inicio da segunda fase da liga.

 

  1. Caselas: 19 (9+10).Vanesa Martínez, Antía Pérez (1), Ana Álvarez (1), Yolanda Rodríguez, Marta Besaba, Aitana Souto, Silvia Rodríguez, Antía González (9), Iria Estévez, Yessica Martínez, Iris Sestelo, Patricia Torres (5), Zara Martínez (3), Sheila Gómez, Aitana Souto.

 

Goldie Xiria: 22 (9+13). Brenda Noya (p), Andrea Pose (p), Juana Garrochena (5), Sara Pombo (2), Alba Rodríguez, Tamara Pombo (1), Adriana Groba, Saray Couto, Uxía Pazos, Sheila Ferreiro (1), Raquel Gómez (4), Diana Rodríguez, Zeltia Landeira (8), Elena Segade (1).

 

Parciais cada 5´:1-1/ 3-2 / 4-6 / 5-8 / 8-8 / 9-9/ Descanso / 11-11 / 13-12 / 14-14/ 16-17/ 17-19 / 19-22/ Final.

 

Colexiados: Elena Rivas e Manuel Alonso. Sen complicacións

 

Incidencias: Encontro da 14º xornada da 1ª División Autonómica feminina celebrado no Pavillón Municipal de Salceda De Caselas ante cincoenta siareiros.