Vitoria para o Calvo Xiria nun partido calmo

Vitoria para o Calvo Xiria nun partido calmo

O pasado sábado 28 de febreiro, o Calvo Xiria Feminino recibía na súa pista ao conxunto do Indupor Balonmano Porriño, actual pechacancelas da clasificación, aínda que enganoso pola súa posición, xa que en moitos encontros vén demostrando un balonmán competitivo que o converte nun rival incómodo e difícil de superar.
O choque presentábase como unha cita de vital importancia para as carballeiras, obrigadas a sumar os dous puntos nun duelo que, a priori, podería parecer accesible pero que esixía máxima concentración e intensidade desde o primeiro minuto.

CALVO XIRIA 26- INDUPOR BM PORRIÑO 15


O inicio do encontro estivo marcado pola boa actividade defensiva do conxunto carballés, que conseguiu recuperar varios balóns. Porén, atopouse con dificultades na transición cara á portería visitante, sen lograr transformar esas recuperacións en goles claros. Pola súa banda, o equipo de Porriño propuxo un partido de ritmo pausado, elaborando con paciencia cada ataque e traballando longas posesións na procura dunha situación franca de lanzamento. Este xogo máis lento non favorecía ás locais, habituadas a encontros de maior dinamismo e velocidade.


A pesar das diferenzas na proposta de xogo, o marcador mantívose moi axustado durante boa parte da primeira metade. Co paso dos minutos, o equipo de Carballo foi atopando mellores sensacións en ataque e conseguindo pequenas rendas no electrónico. Mentres, o conxunto visitante introducía variacións ofensivas para tentar facer dano á defensa carballesa e manterse no partido.


Finalmente, chegouse ao descanso cunha vantaxe de seis goles para as locais, que deixaba o encontro ben encamiñado pero aínda aberto.
Na reanudación, o partido seguiu unha liña semellante, aínda que o equipo carballés se mostrou máis acertado nas accións ofensivas. A mellora na eficacia permitiu que a diferenza no marcador fose medrando progresivamente, evidenciando unha clara superioridade das xogadoras de Carballo.


Nos minutos finais, ambos conxuntos aproveitaron para probar diferentes situacións ofensivas e defensivas, mais o control do partido nunca deixou de estar nas mans do cadro local.
Con esta vitoria, o Calvo Xiria Feminino afronta agora unha cita clave a vindeira semana fronte ao Samertolameu, un rival directo que marcará boa parte das aspiracións do equipo nesta recta decisiva da tempada.