Na segunda xornada de Copa Federación o grupo xuvenil do Xiria viaxaba ata o San Francisco Javier para medirse ante un coñecido do grupo de Liga, o Brigantium.
Partindo dunha defensa 6:0 sólida, o Xiria presentaba dificultades para as locais de cara a gol, atopando numerosas oportunidades de transición. O partido collía tanta velocidade que o troco ataque-defensa do Suevia se volvería inútil, xa que a especialista ofensiva non chegaba ata a área contraria antes que o esférico. Para traballar nun xogo 6×6, o grupo abría a 5:1 para evitar os cambios, sistema que se amosaba tan útil como o anterior. Se ben a enorme cantidade de erros de pase/recepción fixeron estragos na eficacia do Xiria, as oportunidades foron suficientes para chegar ó intermedio con comodidade (10-18).
Na segunda metade o Brigantium saía moito máis enchufado e perigoso, chegando con maior frecuencia á liña dos seis metros. Pola contra o Suevia mantiña a súa liña de traballo para continuar abrindo o marcador cando os trocos e a renovación de folgos surtiron efecto, chegando a un gran parcial nos derradeiros minutos do encontro para levar os puntos a Bergantiños (18-37).
Haberá que agardar ó remate da semana de festas para celebrar o remate da tempada ante Lucense en terras carballesas.
BM. BRIGANTIUM NUNEGAL 18 – 37 SUEVIA XIRIA