Volve a competición ligueira nas diferentes categorías

1ª Nacional masculina:

O Calvo Xiria viaxará ata Vigo para enfrontarse a un dos equipos con menor media de idade da categoría, como o é o Granitos Ibéricos Carballal. O conxunto local está a realizar unha boa tempada no seu regreso á primeira estatal. O Calvo Xiria deberá poñer toda a carne no asador para lograr facerse cos dous puntos; recuperar as sensacións da competición, e ir máis no transcurso do encontro. O traballo semanal decidirá con que xogadores poderá contar o técnico Adrián Dubra.

1ª Autonómica feminina:

O Goldie Xiria Carballo Turismo retoma a competición na 1ª autonómica feminina este domingo. As carballesas xogan a domicilio fronte ao BM. Caselas con baixas importantes como a da porteira Nadia, que caeu lesionada no último partido antes do parón do Nadal ante o Saeplast Cañiza. A merma de efectivos será un hándicap para as de Carballo, que buscan aumentar a súa conta de puntos para non descolgarse na loita pola quinta praza. O encontro comezará ás 12:00 h no municipal de Salceda De Caselas.

División De Honra masculina:

 O Vila de Noia abre as súas portas esta fin de semana no inicio da segunda volta. Os cadetes do Grupo Lemaco Xiria enfretaránse a A. Lontreira Balonmán Cangas, o sábado ás 12:45. Primeiro partido para ver a progresión do traballo realizado durante as semanas previas.

O domingo ás 10:30 os infantís do Garaysa Xiria, enfróntanse ao Balonmán Chapela. Non queren sorpresas e deben de saír concentrados ao partido para seguir mantendo o liderado. Ás 12:15, os xuvenís do Laber Xiria xogarán contra o U.B. Lavadores Vigo. Os de Xiria, van dous puntos por encima e coa enfermería practicamente baleira a falta da recuperación de Diego Antelo, deben empezar a mirar cara diante e escalar postos de aquí a final de tempada.

División De Honra feminina:

En base, o Punta Del Este Xiria infantil e as Cadetes do Hierros Varela Urbieta inician a segunda volta da División de Honra e farano fronte a un club que se está mostrando como un dos fanfurriñeiros de ambas as categorías, o BM. Cangas. Ambos os conxuntos de Xiria chegan minguados a este envite polo infortunio en forma de graves lesións e o obxectivo será competir e mellorar tanto cuestións tácticas como técnicas nas diferentes fases do xogo. O conxunto infantil abrirá a xornada o sábado no pavillón Vila de Noia ás 10 e as cadetes farano ás 11:15.

2ª Infantil Masculina:

O Metalúrgica BB Xiria disputará dobre xornada a domicilio nesta fin de semana. O sábado ás 12:15 h, terá como rival ao Abegondo F40 no pavillón San Marcos; mentres o domingo deberá madrugar, para ir ata A Coruña, xa que xoga as 9:30 contra o Colexio Liceo A Paz. Parece unha boa fin de semana para subir algún posto na clasificación, ante rivais directos.

Liga Alevín BM 7:

Os rapaces do Gallega de Mallas Xiria, disputan un novo partido de balonmán 7, ante o Gas Abegondo. O encontro disputarase o sábado ás 11:00 no pavillón San Marcos de Abegondo. Os de Carballo queren seguir coa progresión demostrada ata o momento.

O Gestagua Xiria Feminino desprázae a Abegondo onde se enfrontará ao conxunto Abegondo Todo Deporte. O encontró será o sábado as 10:00 no pavillón San Marcos e a rapazas de Carballo buscarán continuar na súa senda de aprendizaxe na categoría de BM7.