O Laber Xiria pon o peche á tempada cunha nova vitoria

O Laber Xiria conseguíu o pasado sábado un novo triunfo no Porriño. Os de Carballo asinaron un excelente campionato de Copa e de feito, esperábase o pase a semifinais e a participación na fase final desta competición, pero un triunfo inesperado da SD. Teucro fronte ao actual campión galego, o BM. Lalín, propiciou o pase ás semifinais do conxunto pontevedrés, en prexuízo dos bergantiñáns.

O encontro que se disputou no municipal do Porriño non foi o mellor partido dos de Xiria, máis ben todo o contrario e aínda que comezaron ben o envite, dominando o marcador de forma cómoda e mostrando a súa superioridade no ataque posicional e no contraataque, pronto se deu paso aos sucesivos erros en canto ás perdidas de balón e as deficiencias mostradas na retagarda, sobre todo na marcaxe ao pivote. Nos primeiros quince minutos os de Xiria movíanse nunha cómoda distancia entre os catro e cinco goles, pero na segunda metade do primeiro tempo e ata con seis cambios introducidos con respecto ao sete inicial, o conxunto local conseguiría achegarse no marcador aproveitando os erros antes mencionados dos verdinegros. O parcial neste tempo sería dun gol arriba para os porriñeses que se irían ao vestiario con tres goles por baixo.

Na segunda parte e lonxe de mellorar, os verdinegros víronse superados en defensa no xogo co pivote e as situacións de 1×1, onde os locais mostráronse moito mellores e con maior ambición. A falta de sete minutos, o marcador reflectía un empate preocupante para os intereses carballeses, pero un último arreón propiciado por algunha recuperación da pelota, puxo de novo terra polo medio para conseguir a vitoria final

  1. Porriño: 27. Rodrigo, Samuel , Alejandro, Pérez Vizcaya, Jesús, Iván, Pedro, Merino, Angel, Miguel, Mario, Lucas, Hugo.

Laber Xiria: 34. Santi, Urbieta, Fran, Mario Cancela, Andrés Vila, Iago Rincón, Samuel (p), Dani Trigo, Iker, Pedro, Roi, Brais, Alex, Manuel, Renzo.