Crónica do Calvo Xiria 29 – Luceros Cangas 24
Manuel Rey / 8 Abril 2014
Calvo Xiria 29 (15+14): Iago [p], Ramón, Sergio (6), Zas (10), Gonzalo (3), Brais (3), Manuel (4) – equipo inicial- Zúpez [p], Calvete (1), Martín (2), Iván, Javier, Rubén, Jorge.
Luceros 25 (12+13): Eduardo [p], Iván, Eloy (3), Ángel (8), Barreiro (1), Veloso (3), Hugo– equipo inicial – Anxo [p], Menduíña (2), Pepe (4), Joel (2), Rial (1), Pablo, Rubén.
Colexiados: Bernardino Fernández García e Raul Rodríguez Díaz do colexio madrileño. Excluíron aos xogadores locais Ramón (11´), Jorge (39´) e Gonzalo (56´). Polo bando visitante excluíron a Eloy (33´) e Pepe (40´)
Marcador: 3-0, 6-2, 8-4, 11-6, 13-8, 15-12 (descanso); 17-14, 20-18, 23-20, 23-22, 26-23, 29-24 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 3 ### Luceros: 9 / 9
Preto de 400 seareiros no Vila de Noia.
Cumpriu o Calvo Xiria no partido ante o Luceros co obxectivo de acadar os dous puntos para así manter a súa posición de privilexio na táboa clasificatoria. A vitoria caeu do bando local cun resultado de 29 a 24 goles, 15 – 12 no descanso.
Co paso das xornadas vai madurando o Calvo Xiria o seu xogo e ante todo o saber estar nos momentos complicados na pista. Non perder a cara ao partido foi fundamental hai sete días ante o Seis do Nadal, ese aprendizaxe unido a unha saída con moitísima intensidade e acerto e, por suposto, ao apoio dos seus seareiros foron factores claves para ter unha vantaxe dende o inicio ante un Luceros que tentou frear ao Calvo Xiria por todos os medios, mais os xogadores carballeses tiñan no día de hoxe un plus sobre os seus rivais, saber que dependen so de si mesmos para ser segundos ao final da liga.
A saída dos carballeses foi sobresaínte, o que lle levou a acadar unha vantaxe de catro goles sobre os do Morrazo, dándolle tranquilidade ao paso que obrigaba ao Luceros a remar contracorrente dende o inicio. Os primeiros trinta minutos transcorreron rápidos, e logo de varios erros na decisión na finalización do contraataque por parte do Xiria puideron os visitantes recortar a diferenza no electrónico ate os tres goles cos que se pechaba o primeiro acto.
No segundo tempo houbo emoción, dureza e moitísima intensidade no xogo por parte duns e outros. O Luceros chegou a situarse a un gol dos locais a falta de dez minutos, nuns intres nos que o ataque carballés non funcionaba e no que a defensa carecía de profundidade. Mais logo dun tempo morto o Calvo Xiria retomou o control do encontro o que valeu para recuperar o tino no ataque e a profundidade na defensa -tamén tiña a lección aprendida da primeira volta ante o mesmo rival xa que logo de ter catro goles a falta de dez minutos tiraron o partido os carballeses por ter presas cando non eran necesarias-. Un roubo de balón por parte da defensa local que rematou en gol elevou de novo a renda a tres goles cando se entraba nos derradeiros cinco minutos de partido, e os cangueses sabedores de que se lles escapaba a vitoria aceleraron o seu xogo ao máximo mais varias perdas de balón consecutivas sentenciaron o encontro a favor do conxunto local.
O Calvo Xiria disputará a derradeira xornada de liga o vindeiro sábado ás 19:00 horas no Pavillón Municipal de Redondela, ante a SAR, ca necesidade de acadar os dous puntos. Partido que non vai ser doado para os verdibrancos e no que de novo o apoio dos seus seareiros será vital para lograr a clasificación para a fase de ascenso a División de Honra.