CAMPIONATO DE ESPAÑA CADETE MASCULINO – SECTOR A – LEÓN
CAMPIONATO ESTATAL CADETE MASCULINO (SECTOR A – LEÓN) XORNADA 1 06/05/11 REALE ADEMAR – GRUPOASTUR 39 – 26 06/05/11 VIPECÓN XIRIA – BM CAMARGO 33 – 27 XORNADA 2 07/05/11…
| CAMPIONATO ESTATAL CADETE MASCULINO (SECTOR A – LEÓN) | ||
| XORNADA 1 | ||
| 06/05/11 | REALE ADEMAR – GRUPOASTUR | 39 – 26 |
| 06/05/11 | VIPECÓN XIRIA – BM CAMARGO | 33 – 27 |
| XORNADA 2 | ||
| 07/05/11 | VIPECÓN XIRIA – GRUPOASTUR | 37 – 29 |
| 07/05/11 | BM CAMARGO – REALE ADEMAR | 21 – 38 |
| XORNADA 3 | ||
| 08/05/11 | GRUPOASTUR – BM CAMARGO | 29 – 24 |
| 08/05/11 | REALE ADEMAR – VIPECÓN XIRIA | 38 – 24 |
O Vipecón Xiria, campión galego na categoría cadete masculina, viaxaba o pasado venres a terras lonesas para participar nun dos oito sectores do Campionato de España da categoría. E os de Carballo ían competir no grupo máis complexo dos oito que se dispersan polo resto da península. O único formado por catro campións das suas respectivas autonomías, prometía un alto nivel de balonmán, onde o que quixera sair vencedor, ía ter que esforzarse ao máximo.
O equipo de Carballo, único representante galego nas fases, chegaba nun gran momento de forma como xa demostrara ao longo da liga regular, deixando escapar tan só tres puntos ao longo do campionato.
O telón da fase estatal abríase para os de Xiria as 20.00 horas do Venres, nun encontro que os enfrontaba ao Bm. Camargo, campión cántabro. A vitoria facíase necesaria para comezar con dous puntos vitais, como soe ocurrir en torneos curtos. Os nervos e a falta de experiencia nestas lides notábanse nos primeiros compases do encontro e os bergantiñáns non eran quen de mostrar o seu nivel defensivo, ese que destacara tanto na liga galega. A pesar de todo, o marcador era favorable aos nosos que impoñían a sua maior calidade no parqué do pavillón de San Esteban. O espírito combativo dos de Camargo fixo posible que, pasado o meridiano da segunda metade, se achegaran a tan só dous goles no electrónico, coincidindo coa situación máis delicada do partido, na que os do Vipecón quedaban con catro xogadores na pista. Neste intre foi cando os xogadores carballeses sacaron a súa coraxe conseguindo un 2-0 de parcial que lles facilitaba aumentar a diferenza. No remate, os dous primeiros puntos en xogo quedaban no peto dos carballeses co resultado de 33-27.
Na segunda xornada, e con pouco tempo de recuperación, os de Carballo enfrontabanse a un oso moi duro de roer, o Grupo Astur, campión de Asturias e que xa derrotara aos de Xiria había un par de meses no torneo de San Xosé, disputado tamén na capital leonesa. Pero o equipo carballés xa recuperara a sua identidade, fora os nervos do primeiro día, os locais no día de hoxe impoñían o seu ritmo defensivo e o contraataque para comezar coas primeiras rendas a favor. Nunha primeira parte moi igualada, o Vipecón retirábase ao vestiario con dous goles por diante. Na reanudación, os rapaces do Xiria fixeron trinta minutos de ensoño e a intensidade defensiva, os rápidos contraataques e a velocidade de balón no ataque posicional remataron un traballo ben feito coa contundencia dun marcador espectacular a favor do Vipecón, 37-29.
O terceiro día era unha xornada chea de ilusións. Afrontábase unha final contra unha xeración, a do Ademar, que está entre as mellores do territorio nacional. O panorama era complicado, pero a ilusión non lla podía quitar ninguén aos de Carballo. O encontro comezou moi intenso en vista do que se xogaban os dous planteis e rapidamente a dianteira tomouna o Ademar, campión de Castela-León. O equipo de Carballo, combativo e intenso, seguía de cerca a estela dos locais ata a retirada os vestiarios para o tempo de lecer, 16-12. A segunda metade foi dos de León e, a medida que o cansancio fixo mella nos xogadores de Xiria e comenzaron as perdas de balón, os leoneses mataron o encontro no contraataque cun ritmo altísimo que os visitantes non puideron aguantar.
Deste xeito o Vipecón consigue unha meritoria segunda posición do sector. Non queda máis que felicitar o Reale Ademar de León coma campión desta fase e darlle a noraboa aos rapaces do Xiria que fixeron un campeonato sobresaínte perdendo tan só contra unha xeración de xogadores que xa sabe o que e acadar o campionato nacional. O Vipecón Xiria demostrou un alto nivel competitivo, ademáis dun altísimo nivel balonmanístico e que deixou un excelente sabor de boca a todos os seareiros desprazados ata León.
Xa dentro dos galardóns individuias (mellor xogador, máximo goleador e mellor porteiro), salientar que o meta carballés Martín Gómez “Zúpez” foi elixido mellor porteiro do sector.
O plantel carballés, dirixido por Fernando Vázquez, estivo formado por: Zúpez e Jorge Brandón (porteiros), Martín, Álex, Luís, Julián e Mario (primeiras liñas), Jorge Bouzas, Rubén Gómez, Edu e Alberto (universais) e Calvete, Jose, Rubén Anes, Javi, Óscar e Miguel (segundas liñas).