CONSLAR O.A.R. CORUÑA 23 – CALVO XIRIA 25

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 14

14/01/2012 CONSLAR O.A.R. CORUÑA 23 – CALVO XIRIA 25
Conslar O.A.R. Coruña 23 (11+12): Mouriño [p], Lozano (5, 1 de 7 metros), Alfonso (5), Víctor (6), Ángel (2), Aitor, Flavien (1) -equipo inicial- Santos [p], Salgado (1, 1 de 7 metros), Yoel, Sarasola, Pardales, Uxío (3), Rey.

Calvo Xiria 25 (11+14): Iago [p], Dubra (7, 3 de 7 metros), Jesús (3), Manuel (2), Ángel, Ramón, Alex García -equipo inicial- Kike [p], Cuco, Miguel, Pablo (7, 4 de 7 metros) , Alex Zas (1), Sergio, David (5).

Colexiados: Srs. Crespo Gómez e Álvarez Vázquez do Colexio Galego. Excluíron aos locais Pardales (6´ e 9´), Alfonso (37´ e 46´), Yoel (39´) e Uxío (41´), tamén aos xogadores visitantes Manuel (27´), Alex García (36´, 47´ e 59´, cartón vermello), Sergio (50´) e Alex Zas (51´).

Marcador: 3-2, 5-5, 6-7, 8-8, 10-9, 11-11 (descanso); 13-15, 15-16, 15-19, 15-20, 20-22, 23-25 (final).

7 metros: OAR Coruña: 2 / 7 ### Calvo Xiria: 7 / 10
Comezou a segunda volta da liga de 1ª Estatal para o Calvo Xiria cun derbi provincial. Dábanse todos os ingredientes para que fose unha festa dos seareiros: equipos que pelexan ata o derradeiro segundo, inmersos na loita por chegar ao máis alto da táboa clasificatoria, xogo de defensa e contraataque fulminantes…, foi na cidade herculina, mais pareceu coma se estivese na casa, pois a afección que máis se deixou sentir foi a carballesa que fixo do Pavillón San Francisco Javier, por un día, un novo Vila de Noia.

Ao longo dos sesenta minutos a tensión dun derbi viuse plasmada no terreo de xogo, moitos contactos e dureza en cada unha das accións, ás veces por enriba do permitido polo regulamento, non sempre aplicado con acerto polos colexiados. Poucas opcións deron as defensas aos ataques, tanto por un bando como por outro, e nas poucas veces que os xogadores atacantes conseguían unha vantaxe aí estaban os porteiros para deixar ben ás claras que cada gol ía ser froito dun duro traballo. Deste xeito se chegaba ao descanso cun parcial de 11-11 que falaba ben ás claras de por onde se movía o partido e de que agardaban moitos minutos de emoción cun incerto desenlace.

A segunda parte non variou a tónica inicial, todo facía presaxiar un desenlace nos derradeiros segundos de partido. Ata o minuto 38, aí iniciouse un novo encontro. O Calvo Xiria tivo trece minutos ao OAR ancorado en 15 goles, neses intres foi quen de acadar unha vantaxe de cinco goles que ao final sería definitiva. Pero o desatino na finalización dos contraataques, 5 balóns clarísimos desaproveitou en dous minutos, e dúas exclusións practicamente consecutivas (minutos 50 e 51) puideron custarlle caro aos carballeses. Como non podía ser doutro xeito os coruñeses seguiron pelexando ata o derradeiro suspiro, deixando o marcador final nun axustado 23 a 25 que outorgaba os dous puntos ao Calvo que brindou a vitoria aos seus seareiros…merecidamente.

A vindeira fin de semana o Calvo Xiria enfróntase ao Inzamac Zamora, segundo clasificado na liga, no Pavillón Vila de Noia. Será coma ven sendo habitual ás 18.30 h, o sábado, 21 de xaneiro.