Minibalonmán: Torneo «O Noso Club» – O Porriño

Este domingo 31 de maio, O Porriño transformarase no escenario da festa do minibalonmán coa celebración do Torneo «O Noso Club». Unha numerosa comitiva das Escolas Balonmán Xiria desprazarase para participar nesta cita que arrincará ás 10:00h e estenderase ata as 18:00h. Nas categorías de alevín 5 viaxarán o Insplaber Xiria, o Clínica Dental María Gómez Xiria e o Clínica Veterinaria Gran Vía Xiria; mentres que na modalidade de benxamín 5 representorannos o Aguas do Paraño Xiria, o Herfraga Xiria e o Horbesa Xiria.
Os nosos pequenos e pequenas acoden a este evento coa única e firme intención de poñer o mellor broche de ouro posible á tempada 2025-26. Os seis equipos carballeses desprazados terán por diante unha xornada intensísima onde cada un disputará entre 4 e 5 partidos , estruturados en dous tempos de 10 minutos cada un. Para os xogadores do Xiria será unha oportunidade fantástica de medirse a nenos e nenas de toda Galicia e seguir estreitando lazos fóra da comarca de Bergantiños, amosando os valores de deportividade e compañeirismo traballados ao longo de todo o ano. Lembrámoslle ás familias que viaxen a necesidade de levar protección solar —xa que haberá pistas exteriores— e unha botella de auga.
Sénior Masculino (1ª Nacional) – Calvo Xiria

Cuartos da liga nunha categoría competitiva. Nun contexto onde moitos equipos apostan por grandes reforzos para pelexar polo ascenso, o Xiria segue demostrando que tamén se pode competir desde a continuidade, a canteira e a identidade propia. A base deste equipo continúa sendo xente formada no club, xogadores que levan anos medrando xuntos e que representan unha maneira moi concreta de entender o balonmán e o traballo continuado. Porque máis alá dos resultados, para nós tamén é importante recoñecernos no equipo que sae á pista cada fin de semana.
Sénior Feminino (1ª Autonómica) – Calvo Xiria

Unha tempada de crecemento e loita para as nosas, que chegou a unha disputa da Final Four de 1ª Autonómica, onde as carballesas pelexaron cara a cara por unha praza na fase de ascenso á División de Honra Prata.
Chegar ata aí foi o premio a meses de máxima esixencia ante rivais de peso como o Lavadores ou o Seis do Nadal.
O Calvo Xiria presentou o plantel máis novo da categoría que soubo plantarlle cara á categoría dende o comezo da competición.
Sénior Masculino (1ª Autonómica) – Calvo Xiria B
O equipo cumpriu un ano máis o seu papel fundamental dentro do club: ser a ponte perfecta para o paso dos xuvenís cara ao balonmán de categoría senior. Nunha Primeira Autonómica moi física, o equipo mantivo unha regularidade de traballo e loita, plantándolle cara a calquera rival e servindo como o escenario idóneo para que os nosos mozos sumasen minutos de calidade, ritmo competitivo e mellora táctica.
Liga Ouro Xuvenil
As xogadoras do Grupo Lemaco Xiria completaron unha tempada esixente na Liga Ouro. Para o recordo queda ese punto de ouro conseguido en O Porriño cun emocionante gol a falta de dez segundos e a vitoria na casa sorprendendo ao Atlético Guardés. Pecharon o curso cunha vitoria na cancha das campioas da Liga Prata, o Choqueiras, demostrando o seu carácter e capacidade de superación.
Tempada de entrega e evolución do equipo xuvenil masculino Hierros Varela Urbieta Xiria. Na Copa Federación foron de menos a máis, axustando a súa liña defensiva e acadando o seu mellor xogo en duelos de alta efectividade ofensiva, como o gran triunfo ante o Linea21. Un grupo que soubo repoñerse ás adversidades fóra de casa para despedir o curso exhibindo un balonmán rápido, competitivo e comprometido.
Liga Prata Cadete
O cadete feminino, Grupo Lemaco Xiria, tivo un ano brillante que tivo o seu broche de ouro cunha Copa Federación inmellorable. Demostraron unha superioridade abraiante en moitas fases, con goleadas baseadas nunha defensa presionante e contraataques rápidos. Tras un empate na casa ante o Lavadores, o equipo puxo fin á tempada cunha gran vitoria na emblemática pista da «Bombonera» de Redondela.
O Montaxes Carballo Xiria (cadete masculino) proclamouse campión da Liga Prata e venciu ao sexto clasificado da Liga Ouro, conseguindo unha praza para disputar a Final Four cadete entre os mellores de Galicia. Isto sumado á evolución de ambos equipos (Verde e Branco) e ao seu desputado derbi final na Copa Federación, demostra o potencial desta xeración.
Liga Prata Infantil
O Tubasys Xiria asinou unha tempada impecable, pechando a segunda fase cun pleno de vitorias, coroándose en Pontedeume como o rival a bater polo seu ritmo demoledor. O Maquisaba Xiria non se quedou atrás, asinando un ano de enorme aprendizaxe e pechando a liga cunha vitoria nos intres finais, amosando a calidade que agarda na base feminina.
O Garaysa Xiria asinou unha tempada magnífica na que estivo ás portas do primeiro posto da Liga Prata, pelexando polo título ata as últimas xornadas. Pola súa banda, o Garaysa B, composto por infantís máis novos, deixou claro que hai canteira para rato cunha gran tempada na Liga Prata onde competiu todos os partidos e ante calquer rival.
Alevín 7 e Prebenxamín
O alevín 7, o Asesoría Cervantes Xiria, foi a imaxe da ilusión e a evolución do club. Co foco posto sempre na aprendizaxe e o movemento colectivo do balón, os nosos pequenos regaláronnos mañás brillantes e emocionantes. Para os máis pequenos da familia verdinegra, os prebenxamíns do Garaysa Xiria, o verdadeiro éxito foi ver como como medraba o seu sorriso e o seu compañeirismo en cada pista que visitaban.
Esta tempada 2025/2026 volve demostrar que o Balonmán Xiria é moito máis ca un club; é unha gran familia que respira balonmán dende os prebenxamíns que dan os seus primeiros pasos ata os nosos equipos sénior. Con títulos de liga base, ás portas de fases de ascenso, ligas pratas loitadas ata o final e postos de honra en ligas nacionais, o voso esforzo fixo historia.
Grazas a todos os xogadores e xogadoras, aos adestradores pola súa dedicación, e a esa afección incondicional que encheu de cor verde as bancadas do Fogar e do Vila de Noia. Vémonos na pista a vindeira tempada, FORZA XIRIA SEMPRE!

