O pasado sábado, o Calvo Xiria feminino enfrontábase a un rival que sempre lle pon as cousas difíciles, como é o Balonmán Brigantium, co que leva toda a tempada loitando por acadar unha praza para o play-off. O encontro prevíase moi igualado, tal e como xa acontecera nos anteriores enfrontamentos entre ambos conxuntos.
CALVO XIRIA 22 – BM. BRIGANTIUM NUNEGAL 24
O inicio do partido por parte das carballesas non foi bo, con pouca actividade defensiva, dificultades para pechar a liña e falta de confianza nas súas accións, algo pouco habitual no equipo. No apartado ofensivo, a tónica xeral da primeira metade foi un xogo excesivamente individualista, con moito bote, o que dificultou en gran medida a consecución de goles ante unha defensa moi contundente.
A pesar das rotacións e dos cambios introducidos, o Calvo Xiria feminino non estivo á altura do seu nivel competitivo na primeira parte, o que provocou que se chegase ao descanso cunha desvantaxe de cinco goles.
Trala volta dos vestiarios, a intensidade do conxunto carballés mellorou, aínda que seguiu tendo problemas para defender determinadas situacións. As accións coa liña e os controis complicábanse para as xogadoras de Carballo e, no ataque posicional, malia acadar un maior dinamismo, persistían as dificultades nas continuidades de balón e para superar unha defensa moi férrea como a do Brigantium.
O Calvo Xiria feminino non lle perdeu a cara ao partido en ningún momento. Loitou ata o final, pero non foi o seu mellor día, acabando por caer derrotado por dous goles.
As próximas dúas semanas estarán marcadas por un parón competitivo, que as carballesas aproveitarán para seguir preparando a recta final da tempada nas mellores condicións posibles.


