Calvo Xiria 34 – OAR Coruña 24

Calvo Xiria 34 – OAR Coruña 24

LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 4 Calvo Xiria 34 (16+18): Iago [p], Ramón (3), Sergio (9), Zas (6), Mario, Manuel (3), Chimpo (3) -equipo inicial- Martín G.[p], Javier, Calvete, Brais (6), Martín A, Pablo (3), Ruben (1). OAR Coruña 24 (16+8): Ignacio [p], Alfonso (2), Miguel (7), Víctor (4), Xosé (2), Pedro (1), Sergio (1) – equipo inicial – Cristian [p], Bruno [p], Mateu (4), César, Suárez, Camilo, Fabián (3). Colexiadas: Ana Correa Araujo e Soraya Abelenda Martínez do colexio galego. Excluíron por parte local a Ramón (7´), mentres que polo bando visitante sancionaron a Xosé (6´), César (22´), Miguel (42´, 49´e cartón vermello 49´), Alfonso (44´), Mateu (48´ e 55´), Víctor (49´) e ao adestrador Pablo Aguirregabiria (31´) Marcador:4-4/8-7/11-11/12-13/15-15/16-16(descanso);20-18/24-19/27-23/29-24/33-24/34-24 Incidencias: Preto de 400 aficionados no pavillón Vila de Noia. Disputaba o segundo derbi provincial consecutivo o Calvo Xiria, desta volta ante un OAR da Coruña que chegaba invito á xa clásica cita do balonmán coruñés na primeira nacional. Moitas gañas por parte duns e outros, e como non pode ser doutro xeito nestas ocasións tamén por parte dos seareiros de ambos conxuntos. No eido deportivo o Calvo contaba ca baixa de última hora de Jorge por mor dun golpe nun pé sufrido no adestramento do xoves, e que viña sendo o único xogador que defendía na posición de avanzado do 5:1 carballés ante a lesión ao inicio do mes de setembro de Rubén, que tivo que apurar a súa recuperación para entrar na convocatoria, iso si, con moito menos rodaxe que os seus compañeiros.Este feito foi fundamental nos primeiros trinta minutos, nos que a igualdade foi a tónica na que se desenvolveu o encontro. A defensa carballesa non atopaba o seu sitio no terreo de xogo e os desdobramentos dos herculinos rompían unha e outra vez o sistema defensivo local, no que tampouco Iago podía facer nada por deter os cómodos lanzamentos dos xogadores do OAR. Pero si no eido defensivo non atopaba solucións si o facía no ataque, con Chimpo marcando e repartindo xogo para os seus compañeiros que con moita mobilidade chegaban unha e outra vez á liña de seis metros con clara vantaxe sobre os seus defensores. Semellaba complicado que o paso polos vestiarios mudase o panorama do partido, e todo indicaba que o partido non tería gañador, o xusto ata ese intre sería o reparto de puntos, ata o derradeiro segundo.Mais si no que vai de liga o sistema defensivo 5:1 foi o elixido polos carballeses, na segunda metade trocouno polo 6:0 que noutras tempadas moitas alegrías lle ten dado. O resultado foi espectacular, e o conxunto herculino viu como todo o plan que tiña preparado para o encontro se lle viña abaixo. Iago empezou a deter balóns apoiado no traballo do bloque central con Ramón e Brais e nos segundos Manuel e Sergio. Elevar as súas prestacións defensivas permitiron aos verdibrancos correr cómodas contras, e por si isto fose pouco no ataque estático non tiña dúbidas o Calvo Xiria e Zas e Sergio, máximo goleado do encontro con nove goles, eran un enigma indescifrable para os defensores visitantes e os seus porteiros. No minuto 45 as diferenzas a prol dos locais xa se movían entre os catro e seis goles. Con este panorama a impotencia cebouse nos xogadores coruñeses que caeron por unha parte en continuas protestas e desconsideracións cas colexiadas o que provocou exclusións e incluso un cartón vermello directo a Miguel, e por outra nun xogo demasiado duro nos intres finais que non semellaba necesario visto que o partido xa estaba resolto. Dous puntos os conseguidos nesta xornada que deixan aos carballeses na zona media alta da táboa, mais esta liga non ten parada e a vindeira fin de semana haberá máis balonmán no Vila de Noia, xa que o sábado ás 18:00 horas recibirán a visita do Bm. Pabellón Ourense.