A xornada de Escolas Balonmán Xiria

A xornada de Escolas Balonmán Xiria

Xoga o Calvo Xiria este sábado ás 18:00 no Vila de Noia ante o outro equipo chamado a quedar campión do grupo A da 1ª Estatal, xa que si a pasada xornada visitou ao Atl. Novás esta será o Chapela o seu rival, sendo a dupla de sinalados para xogar a fase de ascenso. O cadro vigués está formado na súa maior parte por xogadores que militaron durante anos en categorías superiores, de xeito que non acadar o ascenso semella un fracaso.
Polo cadro local agárdase a recuperación de Ramón, cuxo concurso parece vital para ter opcións de acadar algo positivo no encontro. Pero non chegará so ca súa recuperación, os carballeses precisan de facer un encontro sen erros e teñen a obriga de ser quen de impor un altísimo ritmo de xogo para ter opcións de puntuar. Tamén terá que ver, e moito, o nivel que marquen os colexiados galegos Pablo Álvarez e Lucas Crespo, toda vez que a defensa viguesa soe estar por enriba dos límites que marca o regulamento. A convocatoria de Marcos Rodríguez para este durísimo partido será: Alejandro Naya e Martín Gómez (porteiros), Alejandro Calvete e Ramón Suárez-Pumariega (pivotes), Jorge Bouzas, Manuel Méndez, Pablo Iglesias, Martín Alfeirán, Iván Campos, Julián López e Gonzalo Pombo (1ª liñas), Brais Puñal, Javier Rodríguez e Sergio Facal , Mario García de Seárez (2ª liñas).

E nada máis remate o partido de 1ª Estatal será a quenda do Goldie Xiria que ás 8 da tarde recibe a visita do A.D. Carballal, actual líder da competición con tres vitorias noutros tantas xornadas. Partido moi complicado para un Goldie Xiria que deberá estar ao seu máximo nivel para facer fronte ao equipo vigués. Espérase un Carballal cunha defensa aberta para recuperar balóns e saír ao contraataque, polo que as xogadoras do Goldie deberán centrarse en asegurar as posesións e evitar as perdas de balón. A boa defensa amosada nos dous primeiros partidos, será peza importante para volver a aspirar á vitoria. Para o encontro o equipo recupera a Zeltia, que fora baixa a semana pasada, e segue sen poder contar coa capitana Marta, por outro lado espérase que chegue a tempo a licenza federativa da porteira Aida Cangas, que podería facer o seu debut co Goldie Xiria. Polo tanto estarán a disposición de Toni García: Brenda Noya e Aida Cangas (porteira) Juana Garrochena, Natalia Solís, Zeltia Landeira, Tamara Pombo, Jéssica Posse, Marta Regueira, Sara Pombo, Cristina Gende, María Gómez, Adriana Gómez, Patricia García e Raquel Gómez.

Como vai ser a tónica habitual nos partidos como locais ao longo da tempada, o domingo chegará a quenda dos equipos de base da División de Honra. Na categoría cadete, o Grupo Lemaco Xiria recibirá as 10:00 no Vila de Noia de Carballo ao Bueu Atl, derradeiro clasificado. Despois de tan só dúas xornadas de liga e da vitoria conseguida contra o BM.Ártabro a pasada semana, os rapaces de Xiria intentarán seguir crecendo no seu xogo e conseguir dous novos puntos que os ergan aos postos importantes da clasificación. Pola súa parte o infantil Garaysa Xiria enfrontarase ao Las Cinco Jotas Lavadores de Vigo. O encontro comeza ás 11:30, ca busca dos de Carballo da primeira vitoria na liga que lles dea a confianza necesaria para deixar atrás os nervios e o exceso de presión que están a amosar nestes primeiros partidos. O adestrador Pablo Filgueira contará nesta ocasión co plantel ao completo. E rematarán a mañá de balonmán os xuvenís, tamén ante o Las Cinco Jotas Lavadores ás 12:45. Levan os verdibrancos pleno de vitorias no seu haber, e por suposto, desexan continuar pola mesma senda para seguir a soñar con facer un papel destacado esta tempada. De novo a concentración, a humildade e a intensidade coa que afronten o choque, serán claves para concretar os desexos en realidade.