Academia Octavio: 34 (14+20): Iago (13), Javier, Carlos (2), David, Anxo, Aarón (1), Rodrigo (1), Diego (7), Miguel (6) e Fernán (4)
Garaysa Xiria: 39 (21+18): Manuel, Eiroa (4), Antón, Pablo, Souto, Carlos (4), Juanca (6), Arnejo (4), Gabriel (7), Alex, Borja, Pereira (6) e Iván (8)
Comezaba a segunda volta da competición na Liga de División de Honra Infantil e o Garaysa Xiria afrontaba un encontro complicado e importante no que se enfrontaba, como visitante, a un rival directo na táboa clasificatoria, o Academia Octavio, que chegaba cos mesmos 15 puntos que os de Carballo.
O Xiria comezou o partido imprimindo moita tensión en tarefas defensivas o que provocou un comezo bastante atascado do Octavio que se viu obrigado a pedir un tempo morto moi cedo para aclarar as ideas aos seus xogadores sobre como superar a profunda defensa carballesa. Corría o minuto 10 de partido e o Xiria xa mantiña diferenzas de 3 e 4 goles, que puideron ser máis de non ser polos erros de lanzamento en situacións claras de contraataque ou lanzamentos dende a zona do pivote.
O Octavio mantíñase vivo grazas a capacidade goleadora do seu mellor xogador, que rematou sumando 13 dianas, pero non era suficiente para frear a avalancha do Xiria que deu un auténtico recital de contragolpes, rápidos e ben elaborados. Con todo chegaba o remate da primeira metade cunha vantaxe de 7 goles para o Garaysa e con moi boas sensacións de xogo.
Na segunda metade o Octavio saíu con moita forza e coas ideas máis claras no ataque posicional que tantos problemas lles dera no primeiro tempo; o que, unido á relaxación dos carballeses pola vantaxe acadada, deu moitos folgos aos vigueses que viron como volvían a ter opcións de entrar no partido. Pero non resultou máis que un aviso, xa que o Garaysa reaccionou moi ben e soubo retomar a intensidade defensiva, os apoios foron máis contundentes e o Octavio suaba de novo para perforar a porta dos de Carballo.
O encontro encaraba a recta final co resultado xa decidido a prol do Garaysa, que foi o xusto vencedor deste bonito duelo.
A vindeira semana o equipo carballés xogará como local logo de máis dun mes sen facelo. Nesta ocasión, o partido disputarase o domingo ás 12:00 h no Pavillón Municipal Carballo Calero contra o sempre correoso Bm Moaña.
