BALONMÁN LALÍN 25 – VIPECÓN XIRIA 30

Balonmán Lalín 25 (14+11): Iago, Adrián (5), José (5), Santi, Ramón (4), Enrique (2), Manuel (4) -equipo inicial- Miguel, David (2), Jorge, Yerai, Duarte (3), Xoán.

Vipecón Xiria 30 (12+18): Igor, David (13), Calvete (2), Luís (1), Jorge Bouzas, Martín, Miguel (4) -equipo inicial- Edu (5), Héitor, Rubén (3), Bisbi, Jorge Viñas, Tucu (2), Javi.

Colexiados: Pablo Álvarez e Lucas Crespo.

Non puido ser!!. O Vipecón Xiria aferrábase á última esperanza de acadar o subcampionato de liga e a clasificación para o Campionato de España na derradeira xornada de liga e na cancha do Lalín. Os carballeses facían os seus deberes impoñíanse ao Balonmán Lalín, pero precisaban que o Octavio caesa na pista do Teucro, feito que non aconteceu. De todos os xeitos hai que aplaudir a gran campaña feita por estes rapaces, que amosaron un moi bo xogo e acadaron unha meritoria 3ª posición.

O equipo carballés non xogou en Lalín o seu mellor encontro, comezou sen ritmo no xogo, atascado no seu ataque, motivado pola defensa adiantada dos locais e en defensa os do Xiria amosábanse moi estáticos. Pouca intensidade defensiva, falta de concentración e erros de pase-recepción na transicción defensa-ataque facían o resto para que o 14-12 do descanso puxera certas dúbidas sobre a posibilidade de acadar o obxectivo dos bergantiñáns.

Na segunda metade, os visitantes aferrabanse á súa defensa, mellorando moito neste aspecto, o que propiciaba rápidos contraataques en segunda oleada que facían efectiva a remontada. Deste xeito conseguían poñerse por diante no electrónico e, pouco a pouco, seguían aumentando a renda ata os cinco goles que sinalaba o marcador ao remate, 25-30.

Excelente campaña do Vipecón Xiria que, das 22 xornadas de liga, estivo 16 ocupando os dous primeiros postos da clasificación, amosando, ademais, o mellor balonmán do campionato xunto co Caixanova OAR e o Balonmán Lalín. Tan só as decisións arbitrais no partido decisivo contra o Octavio e unha sucesión de infortunios cando o dito encontro estaba decantado para os de Carballo foron quen de privalo de acudir ao Campionato de España da categoría.

Pero a campaña non remata aquí, xa que a partir do día 10 de abril comeza a disputarse a Copa Federación. Os 12 equipos da División de Honra divídense en 3 grupos de 4 equipos cada un para a primeira fase desta competición. O Vipecón está no Grupo III xunto co Octavio, Atl. Novás e Cisne. O 1º partido dos carballeses será en Pontevedra fronte ao Cisne.