BM. ÁRTABRO OLEIROS JCA 52 – DECORACIONES J. BELLO XIRIA 40

Bm. Ártabro Oleiros JCA: 52 (26+26): Castellanos, Ferreiro (10), Rubén (13), Caribia (7), Veiga (9), España (5), Rodríguez (7) -equipo inicial- Varela, Jimeno, Longueira, Trigo, Otero (1).

Decoraciones J. Bello Xiria: 40 (16+24): Buño, Lolo (7), Raúl (3), Diego(4), Alberto (7), Enrique (12), Óscar (7) -equipo inicial- Miguel, Julián, Iván, Jorge, Fran.

Colexiado:

O pasado sábado enfrontábanse no pavillón coruñés de Novo Mesoiro dous equipos que están na zona media da táboa clasificatoria. O J. Bello Xiria, sexto clasificado e o Bm. Ártabro, que ven xusto por detrás dos carballeses, non se xogaban nada máis que a posibilidade de engadir máis puntos ao seu casilleiro e seguir competindo a un bo nivel.

Os carballeses chegaban con moitos problemas a este encontro, xa que toda a súa primeira liña causaba baixa por lesión e Miguel Angel facíao por enfermidade. Visto así e aínda que os bergantiñáns xa derrotaran aos coruñeses na primeira volta de forma clara, o panorama antollábase complicado nesta ocasión para poder marchar do feudo coruñés cos dous puntos no peto.

A pesar de todos estes factores e de contar no banco con tan só un xogador de campo como recambio, os visitantes disputaron cada un dos minutos de xogo con gran intensidade e foron capaces de facer dano á retagarda local durante todo o partido. Por contra, a maior potencia física e antropometría dos do Ártabro facían o mesmo coa defensa do Xiria, que se vía totalmente superada ao longo dos sesenta minutos. Este feito, deixaba xa o resultado contundente de 26-16 no descanso a prol dos da Coruña.

Na segunda parte pouco cambiaron as tornas e, aínda que o parcial foi moito máis igualado, 26-24, os ataques seguiron impoñéndose, e de que maneira, ás defensas, que no día de hoxe non existiron nin facilitaron a labor dos gardametas. De aí, ese marcador final de 52-40 que deixa ao Ártabro a tan só dous puntos do J. Bello a falta de catro xornadas para rematar o campionato.

O vindeiro domingo, o Decoraciones J. Bello Xiria recibe a vísita do líder e máximo aspirante a facerse co título, un Balonmán Lalín que conta por vitorias todos os encontros disputados. O partido xógase ás 10.30 h no Polideportivo Carballo Calero.