BM CISNE GRUPO PIRSA 33 – CALVO XIRIA 29 (COPA)

19/04/2008 BM CISNE GRUPO PIRSA 33 – CALVO XIRIA 29 (COPA)
Bm Cisne Grupo Pirsa (19+14) 33: Eduardo, Víctor Ansias (5), Alberto (5), Fernando (6), Pablo (4), Quintáns (1) e Vidal (5) -equipo inicial- Galán, Borja (2), Víctor García, David, Guillermo (3) e Nicolás (2).

Calvo Xiria (18+11) 29: Iago, Cuco (1), Bruno (5), Jesús (3), Sebastián (6), Pablo (3) e Fernando Vázquez (2) -equipo inicial- Quique, Alex (1), Cristophe (1), Chimpo (4), Pombo, Dubra (2) e Manuel (1).

Árbitros: Martín Rodríguez e Rafael Iglesias. Sen complicacións.

O Calvo Xiria quedou eliminado da competición de Copa logo de perder fronte ao Cisne en Pontevedra.na elimitatia de cuartos de final. Foi o último partido oficial do conxunto carballés antes de afrontar a fase de ascenso a Primeira Estatal dentro de dúas semanas en Oviedo.

Comezou ben o partido o equipo de Marcos Rodríguez. As anticipacións en defensa e as rápidas saídas en contraataque, ben finalizadas por Bruno, propiciaban que o Calvo Xiria pronto conseguirá unha cómoda renda no marcador (3-6). O Cisne refíxose do primeiro arreón dos visitantes e, cun parcial de 4-1, conseguía igualar o partido (7-7). A partir de aí, e ata o final da primeira parte, o choque foi moi igualado. Cisne e Xiria propuxeron un xogo alegre en ataque, beneficiándose da endeblez defensiva amosada por ambos conxuntos. A lóxica falta de tensión, unha vez finalizada a liga, propiciaba constantes alternativas no marcador, que a bo seguro agradeceron os poucos aficionados que se achegaron ata o Municipal pontevedrés.

O adestrador do Calvo Xiria fixo que participaran do partido todos os xogadores convocados. Os constantes cambios da segunda metade impediron que os visitantes mantiveran un bo ritmo de partido, situación que aproveitou o Cisne para, cun parcial de 5-1, despegarse no marcador xa de inicio (24-20). O conxunto local, dirixido eventualmente polo ex do Xiria Chof, foi gañando en confianza ao tempo que o Calvo Xiria se diluía no seu xogo. A defensa seguía a brilar pola súa ausencia e, en ataque, o excesivo individualismo dos visitantes derivaba nunha mala selección de tiro. Máis facilidades para un Pablo Galán que, na reanudación, deu unha auténtica exhibición na portería local. O Cisne non tivo problemas para manter a renda conseguida nos primeiros minutos do segundo acto e conseguiu derrotar con xustiza a un Calvo Xiria coa mente posta na fase de promoción de ascenso a Primeira Nacional. O adestrador carballés, a bo seguro, tomou boa nota das probas que fixo ante un Cisne que xogará as semifinais de Copa fronte ao Rasoeiro.