XORNADA 10
28/11/2009 BM PORIÑO 34 – CALVO XIRIA 31
Bm Porriño 34 (14+20): Roberto (p/ 5 paradas ), Aitor, Adrián (1), Marcos (6), Rubén Soliño (2), Alberto López (4), Álex Malvar (11) –equipo inicial– Antón (p/ 13 paradas), Daniel, J. Rodríguez, Diego, Miguel (1), Ismael (9/ 4 de 7m) e Jonathan Vila.
Calvo Xiria 31 (18+13): Kike (p/ 7 paradas), Cuco (8), Chimpo (3), Pablo (4/ 1 de 7m), Iván (5), Alberto (6), Jesús –equipo inicial– Iago (p/ 4 paradas), Ramón, Christophe (1), Álex Zas (1), Ángel (1) e Manu (2).
Colexiados: Sres. Martín Pulido e Valverde Nölting (andaluces). Excluíron ao local Álex Malvar (min.53) e aos visitantes Ramón (min 44) e Jesús (min 56).
Parciais: 3-4, 5-5, 8-8, 10-12, 12-14, 14-18 (Descanso) 19-20, 21-20, 23-23, 29-25, 30-28, 34-31 (Final).
Primeiro tempo: 0-1 (Iván) , 0-2 (Chimpo), 0-3 (Pablo), 1-3 (Alberto López), 2-3 (Marcos), 3-3 (Marcos), 3-4 (Pablo), 4-4 (Álex Malvar), 5-4 (Álex Malvar), 5-5 (Pablo), 5-6 (Cuco), 6-6 (Marcos), 6-7 (Iván), 6-8 (Cuco), 7-8 (Álex Malvar), 8-8 (Ismael), 8-9 (Chimpo), 9-9 (Álex Malvar), 9-10 (Cuco), 9-11 (Alberto), 9-12 (Cuco), 10-12 (Álex Malvar), 11-12 (Álex Malvar), 11-13 (Álex Zas), 12-13 (Ismael), 12-14 (Ángel), 12-15 (Alberto), 13-15 (Rubén Soliño), 13-16 (Christophe), 13-17 (Alberto), 14-17 (Álex Malvar), 14-18 (Alberto).
Segundo tempo: 15-18 (Ismael/ de 7m), 15-19 (Cuco), 16-19 (Alberto López), 17-19 (Marcos), 18-19 (Alberto López), 18-20 (Iván), 19-20 (Miguel), 20-20 (Ismael/de 7m), 21-20 (Ismael), 21-21 (Manu), 22-21 (Marcos), 23-21 (Marcos), 23-22 (Manu), 23-23 (Alberto), 24-23 (Ismael/ de 7m), 25-23 (Álex Malvar), 26-23 (Álex Malvar), 27-23 (Adrián), 28-23 (Rubén Soliño), 28-24 (Cuco), Alberto (28-25), 29-25 (Ismael), 30-25 (Ismael/ de 7m), 30-26 (Iván), 30-27 (Chimpo), 30-28 (Pablo/ de 7m), 31-28 (Ismael), 32-28 (Álex Malvar), 32-29 Cuco, 32-30 (Cuco), 33-30 (Alberto López), 33-21 (Iván), 34-31 (Álex Malvar).
7 Metros: Balonmán Porriño: 5 / 4 /// Xiria Calvo: 2 / 1
Nesta décima xornada de liga na Primeira División Estatal o Calvo Xiria desprazábase ata o Pavillón Municipal do Porriño onde, despois dun mal encontro, caeu derrotado ante o equipo local por 34-31. Os carballeses, novenos con 9 puntos, conservan unha semana máis a súa praza pero ven como o propio Porriño e o Medicentro Gijón, ambos os dous con un punto menos, se lle aproximan perigosamente na clasificación.
Comezou mal o partido para os locais que fallaron os primeiros ataques permitindo ao Xiria escaparse de tres goles. Os de Carballo axiña devolveron o favor e no minuto catro e medio o marcador xa reflectía un empate a 3. Aínda que Pablo marcou o 3-4, novos erros na finalización proporcionaron balóns a Álex Malvar que con dous tantos consecutivos adiantou ao seu equipo por primeira e última vez neste primeiro acto (5-4). Cos dous conxuntos defendendo frouxo, sen intensidade nin continuidade, e sen mellorar o xogo ofensivo, chégase ao minuto 16 con empate a 9. Foi a partir deste momento cando o Xiria despregou o seu mellor xogo, movendo o esférico con máis velocidade e conseguindo armar varias contras que, a falta de pouco máis de dez minutos para o descanso, lle permitiron volver a alcanzar unha renda de tres goles (9-12). A situación obrigou ao adestrador local a pedir un tempo morto. O Porriño cambio a unha defensa 5/1 situando a Rubén Soliño de avanzado pero non conseguiu mellorar o rendemento. Os xogadores de Marcos Rodríguez mantiveron a diferenza no marcador, e nos últimos segundos, despois doutro time-out solicitado esta vez polos visitantes, aumentárona nun gol máis. Así chegouse ao descanso cun 14-18 a favor dos carballeses.
A segunda parte arrancou cun Xiria totalmente desconcentrado e moi axiña puído comprobar, unha vez máis, a dificultade que entraña puntuar fóra da casa. Houbo cambios en ambas as dúas porterías, acaparando especial protagonismo Antón, o novo inquilino da meta local, que se converteu no revulsivo que precisaba o seu equipo. Os Porriñeses animados polas paradas do seu meta tardaron moi pouco en igualar o marcador que xa no minuto trinta e seis reflectía un empate a 20. O Xiria continuaba sen dinamizar a defensa permitindo incursións fáciles e en ataque non era quen de mover a pelota con fluidez polo que non acababa de acertar nas finalizacións, con todo aguantou no partido ata o ecuador deste segundo acto. Despois de ir perdendo por dous goles, Alberto, cunha preciosa vaselina conseguía colocar un novo empate no luminoso (23-23) e parecía devolver a alegría aos xogadores visitantes. Todo se truncou coa exclusión de Ramón. Neste tempo, cun home menos, os carballeses perderon dous balóns de forma consecutiva e enviaron fóra un lanzamento; mentres os do Porriño aproveitaron para poñer terra de por medio e sentenciar o partido. Unha contra de Rubén Soliño no minuto corenta e oito valía para marcar o 28-23 e así establecer a máxima diferenza do encontro. No treito final, cunha defensa mixta, os xogadores carballeses aínda conseguiron aproximarse ata dous goles, despois de que Pablo materializase un lanzamento de sete metros que debuxou un 30-28 no taboleiro de marcas. O Calvo Xiria, a pesar do tremendo esforzo acumulado e de ver que se esgotaba o tempo, sempre continuou loitando, aínda que finalmente acabou perdendo por 34-31.

